Skip to main content

A Xunta desenvolverá políticas activas en materia de teleformación dos empregados públicos

O director xeral de Calidade a Avaliación das Políticas Públicas, Juan Gómez, subliñou a aposta da Xunta de Galicia por impulsar de forma decidida a utilización das novas tecnoloxías na formación dos empregados públicos. Así o asegurou esta tarde en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o impulso da formación de empregados públicos on-line.

Segundo explicou Juan Gómez, é preciso acometer un importante esforzo na incorporación de tecnoloxías na formación presencial; no apoio de coñecementos ao empregado público on-line no seu posto de traballo; e na formación a distancia –teleformación- para desenvolvementos formativos fóra do posto de traballo. Necesítase dispoñer dunha infraestructura de comunicacións de calidade, así como de contidos e soportes formativos axeitados, e contar cunha nova cultura de xestión e dos modelos formativos.

Na súa intervención engadiu, ademais, que xa se está traballando na elaboración de contidos específicos e adaptados á formación do persoal das administracións públicas a a través deste medio.

Para poder pasar “da aula de informática á informática da aula” é preciso –segundo explicou- dotar tecnoloxicamente os mecanismos de formación; o desenvolvemento de contidos que reformulen as metodololxías docentes; e un proceso de adaptación dos perfís do profesorado.

O obxectivo da teleformación é desenvolver unha aprendizaxe centrada no usuario; flexibilidade horaria; independencia xeográfica; capacidades multimedia e de interacción; retroalimentación inmediata; axuda a fomentar a autonomía da persona no proceso de aprendizaxe; e favorece a economía de escala na formación de grandes grupos de usuarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia