Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria fai pública a relación de domingos e festivos hábiles en 2006

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se fixan, no marco da normativa actualmente en vigor, conforme á Lei 1/2004 de Horarios Comerciais, os domingos e festivos hábiles para o comercio galego no vindeiro ano 2006.

Os oito domingos e festivos hábiles foron elixidos de maneira consensuada cos distintos axentes socioeconómicos interesados: asociacións de comerciantes, Cámaras de Comercio, asociacións de consumidores, Federación Galega de Municipios e Provincias, Deputacións provinciais e outros representantes dos distintos formatos comerciais que operan no País. Deste xeito, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, fixáronse para o ano 2006 como días hábiles para o comercio o 8 de xaneiro, o 2 de xullo, o 1 de novembro e o 3, 10, 17, 24 e 31 de decembro, cun horario máximo de 12 horas.

De igual xeito publicarase no DOG a orde pola que se establecen as festas locais hábiles para os efectos de actividade comercial correspondentes a aqueles concellos que así llo solicitaron á Consellería de Innovación e Industria. As festas locais soamente se consideran hábiles para o comercio se así o solicitan os respectivos concellos ao departamento autonómico antes do 15 de novembro de cada ano para a súa incorporación ao calendario que rexerá no seguinte exercicio. O resto dos festivos locais non determinados na citada orde, consideraranse inhábiles para os efectos da actividade comercial.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia