Skip to main content

Touriño anuncia o investimento de máis de 25 millóns de euros para a creación do Centro de Investigación e Formación Ambiental de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a posta en marcha do Centro de Investigación e Información Ambiental (CIAM) de Galicia, que terá a súa sede no complexo pontevedrés de Lourizán. A esta actuación “emblemática e de referencia, potente e ambiciosa”, o Goberno galego destinará máis de 25 millóns de euros nos vindeiros catro anos, no que constitúe o maior investimento da historia da comunidade autónoma en desenvolvemento sostible e que marca o inicio dunha nova política ambiental en Galicia.

Así o manifestou o máximo mandatario de Galicia na presentación do CIAM, na que estivo acompañado do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez. Este centro nace coa finalidade de aglutinar e integrar nunha mesma estrutura todos os datos e estudios ambientais sobre a comunidade autónoma. Deste xeito, preténdese dotar a Galicia dun centro que sexa un referente no eido da investigación e da predición ambiental así como unha ferramenta básica para planificar e executar o desenvolvemento sostible da comunidade autónoma.

Visión integral

“Trátase dunha visión integral e horizontal do que ten que ser un desenvolvemento integral e sostible, unha visión cooperativa que se constrúe sobre a necesidade da colaboración e a imbricación da sociedade, das distintas administracións e estamentos que compoñen a sociedade que quere gañar en equilibrio, cohesión e converxencia real coa mellor Europa, a Europa do benestar e da solidariedade”, asegurou Emilio Pérez Touriño, para quen un dos aspectos fundamentais deste centro é a vocación de “apertura e implicación da sociedade”.

O CIAM estará composto por catro unidades de observación, investigación, información e predición ambientais así como dunha Oficina Galega de Cambio Climático que servirán de ferramentas de traballo para a futura Axencia Galega de Desenvolvemento Sostible, que se porá en marcha o vindeiro ano. O presidente da Xunta destacou que con este centro se pon en marcha a nova política ambiental en Galicia, centrada na conservación e valorización dos recursos naturais da comunidade “para convertelos en vectores de desenvolvemento sostible”.

Para o máximo mandatario galego, este novo centro é unha peza “estratéxica e nuclear” da política ambiental da Xunta, pois representa un “sentimento de país” e un “obxectivo compartido” por toda a cidadanía galega e polas forzas políticas. “Teño a profunda convicción de que as sociedade que temos diante o mellor futuro, que temos diante de nós un obxectivo nacional que nos pode transformar nunha sociedade plenamente avanzada, cada vez máis libre, máis xusta e máis igual son as que poden traballar sobre a vontade de unión, con diálogo. Este centro é mostra desa vontade cooperativa e dialogante”, remarcou.

Desenvolvemento tecnolóxico

O presidente galego puxo ao CIAM como exemplo das apostas que as sociedades avanzadas deben facer para “gañar o seu futuro”, que son aquelas que se centran en dous piares: en primeiro lugar, facer da innovación, o coñecemento, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico o “instrumento fundamental para gañar en produtividade e competitividade”; en segundo lugar, basear a creación de emprego e riqueza en estratexias de desenvolvemento “equilibrado e sostible” do territorio.

O xefe do Executivo tamén salientou o feito de que o vindeiro ano Galicia contará cunha Oficina de Cambio Climático e unha Axencia de Desenvolvemento Sostible, “instrumentos e pezas claves para garantir e facer verdade esa ordenación razoable e equilibrado territorio”. “Non será a única, a ordenación urbanística a protección do litoral a ordenación do territorio serán pezas esenciais para lograr este desenvolvemento equilibrado”, abundou.

Finalmente, Emilio Pérez Touriño agradeceu o compromiso das diferentes administracións para impulsar este novo proxecto e garantiu o compromiso “pleno” da Xunta para crear esta plataforma de traballo

Estrutura do centro

O novo centro estará composto por catro unidades de observación, investigación, información e predición ambientais así como dunha Oficina Galega de Cambio Climático que servirán de ferramentas de traballo para a futura Axencia Galega de Desenvolvemento Sostible, que se porá en marcha o vindeiro ano. A estrutura do novo Centro terá a seguinte composición :

• Unidade de Observación Ambiental
Integrará a rede de observación meteorolóxica, que na actualidade ofrece MeteoGalicia; a rede de observación da calidade do aire; así como a rede de observación dos ecosistemas terrestres.

• Unidade de Investigación Ambiental.
Recollendo e ampliando o labor do actual Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán (CIFAL), elaborarase un plan estratéxico que estableza as liñas de investigación para os vindeiros catro anos co fin de estudar todo o referente aos ecosistemas terrestres; á xestión sostible da riqueza forestal de Galicia -en colaboración coa Consellería de Medio Rural-; á bioloxía dos ecosistemas de augas continentais; así como ao impacto e a adaptación ao cambio climático.

• Unidade de Información Ambiental
Cumprindo co compromiso de transparencia, se poñerá a disposición dos cidadáns toda a información ambiental sobre Galicia a través de un ampla base de datos e de documentación que poderá consultarse a través de Internet.

• Unidade de Predición e Prospectiva Ambiental
Permitirá ter unha rede non só de predición meteorolóxica senón tamén da evolución de incidentes contaminantes na atmosfera, na terra e nas augas e estudar e previr a resposta dos ecosistemas de Galicia ante cambios ambientais progresivos ou catástrofes e riscos naturais.

• Oficina Galega de Cambio Climático
Realizará inventarios sobre a emisión á atmosfera de gases con efecto invernadoiro e aplicará un plan galego que establecerá, en colaboración con todas as consellerías, actuacións concretas para mitigar e adaptarse ás consecuencias do cambio climático.

Colaboración

O novo centro traballará en colaboración non só con todos os organismos públicos de investigación e os centros tecnolóxicos da Xunta de Galicia senón tamén coas tres universidades galegas e cos departamentos de I+De+I das empresas da comunidade autónoma. Pretende ademais ser o máis aberto posible a sociedade, polo que desenvolverá actividades de educación ambiental, cursos de formación para profesionais, seminarios, congresos, exposicións, eta…

Para a posta en marcha deste centro, coa creación nun primeiro tempo das unidades de observación, investigación e información ambientais, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible consignou nos seus presupostos para o vindeiro ano unha partida inicial de catro millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia