Skip to main content

O Consello da Xunta estudia implantar un sistema de sinatura dixital para os altos cargos

O Consello da Xunta estudiará un informe presentado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, sobre a implantación dun sistema de certificados electrónicos que permita garantir a identidade e integridade dun documento electrónico, así como a seguridade, validez e eficacia de emisión e recepción de comunicacións.

A sinatura electrónica é unha ferramenta que permite comprobar a identidade da orixe e a integridade das mensaxes intercambiadas en Internet. Segundo esta proposta, a Consellería de Presidencia proporcionará aos altos cargos da Xunta a súa sinatura electrónica nun dispositivo criptográfico portátil que se pode utilizar en calquera equipo mediante a súa conexión a un porto USB.

Este aparato é un avanzado dispositivo que ofrece nunha mesma chave as funcións de tarxeta intelixente e lector, e ademais dispón de memoria. Nel pódense almacenar os datos do usuario (certificados dixitais) e así, no mesmo medio que se transporta a sinatura dixital, pódense almacenar os documentos asinados electronicamente. Isto soluciona a desvantaxe de que o certificado electrónico teña que estar instalado nun ordenador, o que obrigaría ao usuario a transportalo nun diskette para o seu uso noutro equipo, dispositivo que non resulta seguro.

O dispositivo, que segundo o informe se entregará con todo o necesario para que poida ser utilizado en calquera ordenador, levará instalada unha aplicación web desenvolvida pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Políticas Públicas que permitirá asinar documentos electrónicamente.

Na primeira fase, que está previsto que teña lugar durante este mes, ofrecerase este sistema a conselleiros, secretarios xerais das consellerías e das secretarías xerais, directores xerais e delegados provinciais. Na segunda fase continuarase co resto dos directivos da Xunta de Galicia.

Presentación telemática de declaracións e solicitudes

No seu interese por impulsar a implantación de trámites electrónicos a través de Internet e consolidar a e-Administración, a Consellería de Presidencia, por medio da súa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Políticas Públicas, porá en funcionamento durante o mes de decembro un novo servizo na rede con sinatura dixital para a presentación das declaracións de actividades e interese e bens patrimoniais que deben realizar os altos cargos.

Este sistema presenta diversas vantaxes, xa que facilita a cumprimentación das declaracións; é seguro (a información envíase encriptada); garante a integridade da documentación remitida; evita desprazamentos; é un sistema confidencial e autenticado; e facilita a presentación de futuras declaracións, xa que se pode recuperar a información dos últimos documentos presentados.

Doutra banda, a Consellería pretende fomentar a cultura da sinatura dixital nas institucións da administración local galega. Actualmente xa están dispoñibles a través de Eidolocal distintos servizos de presentación telemática de solicitudes de procedementos e documentos, que realizan os concellos á Xunta con sinatura dixital, e continuarase a traballar na incorporación de novos servizos telemáticos neste ámbito. Así mesmo, estase a preparar unha normativa que regulará o uso da sinatura electrónica nas relacións entre os cidadáns e a Xunta por medios informáticos e telemáticos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia