Skip to main content

Emigración e Cruz Vermella colaborarán no desenvolvemento de accións de sensibilización social a prol da inmigración

O Consello da Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a entidade Cruz Vermella para o desenvolvemento de accións de sensibilización social a prol dos colectivos inmigrantes. Para este cometido, a Xunta achegará, a través da Secretaría Xeral de Emigración, un total de 299.999 euros.

A Secretaría Xeral de Emigración é o organismo encargado da execución das políticas autonómicas en materia de inmigración e retorno á Comunidade Autónoma. Ao tempo, encárgase de determinar as bases e criterios da política de integración social e laboral dos inmigrantes, promovendo a participación e a colaboración de todos os axentes sociais nas actuacións que se realizan e, promovendo, a sensibilización social a favor da colectividade inmigrante.

Na consecución destes obxectivos, a Secretaría Xeral de Emigración procurará buscar liñas de cooperación con distintas entidades que teñan estes mesmos fins, como é o caso da Cruz Vermella, que promove accións na procurar dunha convivencia multicultural e a favor da tolerancia, loitando contra a xenofobia.

Na actualidade, a Cruz Vermella dispón dunha relevante estrutura ao servizo da integración das persoas inmigrantes e conta cunha acreditada experiencia neste eido, froito do desenvolvemento de distintos programas a favor da integración social dos inmigrantes.

Accións que se desenvolverán

Así, ao abeiro do convenio que será asinado proximamente entre a Xunta e a Cruz Vermella, esta ONG encargarase de contribuír a unha maior sensibilización social sobre as necesidades de integración intercultural e de integración sociolaboral dos inmigrantes.

Así mesmo, a Cruz Vermella encargarase de achegar á cidadanía unha imaxe positiva do feito migratorio, dos inmigrantes como portadores de innovación, riqueza e diversidade cultural, creando un estado de opinión que sexa favorable á inmigración e o retorno.

Encargarase tamén a ONG de divulgar entre a opinión pública valores antirracistas e principios de igualdade máis solidarios que permitan combater a discriminación cultural, étnica ou racial. Para o desenvolvemento destas accións, a Cruz Vermella imprimirá material informativo do tipo carteis, trípticos ou folletos; e insertará mensaxes en prensa, radio e televisión durante o mes de decembro, por considerarse as datas máis axeitadas de cara á sensibilización da poboación.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia