Skip to main content

Pesca crea un comité de seguemento da marea vermella

O Instituto Tecnolóxico do Mar acolleu a primeira xuntanza do comité de seguimento da marea vermella, que acaba de crear a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co obxectivo de manter informado diariamente ao sector da súa evolución. A comisión está
integrada por representantes do Intecmar e dos mexilloeiros, así como da Federación Galega de Confrarías e a Asociación Galega de Depuradores (AGADE).

A virulencia deste episodio tóxico e a preocupación manifestada polos
bateeiros levaron ao departamento que dirixe Carmen Gallego a constituir
este comité, que se reunirá todos os días en Vilaxoán e que está encabezado
polo director do Instituto Tecnolóxico do Mar, Xosé Manoel Romarís. Con
esta medida, Pesca pretende traballar conxuntamente co sector afectado
implicándoo en todas as decisións que se tomen desde a administración.

Xosé Manoel Romarís informará aos membros da comisión do estado das toxinas
diarreica (DSP) e paralizante (PSP) nas rías galegas, así como dos controis
mariños que o persoal do centro realiza nos polígonos de bateas e nas zonas
de produción marisqueira. Ademais, analizaranse os resultados das análises
conxuntamente cos traballadores do mar, que poderán intervir nos plans de
mostreo diarios que leve a cabo o Instituto.

Garantir que o produto saia ao mercado con todas as garantías sanitarias

Os técnicos do Intecmar realizan diariamente estritos controis nas nosas
augas, co obxectivo de garantir que os moluscos das rías galegas teñen
todas as garantías sanitarias para o seu consumo. No obstante, desde a
Consellería de Pesca lémbrase unha vez máis a importancia de que o
consumidor empregue as canles legais de comercialización.

Información actualizada na páxina web do Intecmar

Todo aquel que desexe coñecer a evolución da marea vermella pode facelo
tamén a través da páxina web do Instituto Tecnolóxico do Mar:
www.intecmar.org. Trátase do portal oficial do centro onde o usuario pode
coñecer as últimas novidades respecto ao estado no que se encontran as rías
galegas. A Consellería de Pesca actualiza constantemente a información
desta páxina, na que o usuario pode acceder a todos os informes que o
Intecmar emite diariamente reflexando os resultados das últimas análises.
Ademais, o público pode descargar as resolucións que indican as aperturas
ou peches dos polígonos bateeiros e das zonas marisqueiras galegas, así
como o tipo de toxicidade pola que se ven afectadas.

Axudas ao sector

Tal e como anunciou Carmen Gallego no Consello Galego de Pesca e ao propio
sector bateeiro en diversas ocasións, a finais do mes de decembro estará
lista a transposición da normativa comunitaria que permitirá aos
productores de moluscos percibir axudas en caso de que a produción se
paralice durante cuatro meses consecutivos ou as perdas xeradas por
episodios tóxicos, como o que está vivir estes días o sector mexilloeiro,
representen o 35% do volume anual de negocio, según exixencias
comunitarias. A dotación inicial para estas axudas é de máis de 800.000
euros (130 millóns de pesetas), que se poderá ampliar según a
dispoñibilidade da dotación orzamentaria.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia