Skip to main content

Innovación e Industria achega 150.000 euros para a creación de aulas de formación para o fomento das TIC nos parques empresariais galegos

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), Santiago Gómara, asinaron en Santiago un convenio de colaboración polo que a consellería achegará 150.000 euros para a creación de aulas de formación en parques empresariais galegos que prestarán servizo ás empresas no uso e aplicacións das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).

O departamento autonómico quere así achegar a formación non eido tecnolóxico ao tecido empresarial, e dun xeito especial ás PEMES, emprazando as aulas nos parques empresariais do país e dotándoas do equipamento tecnolóxico necesario para a súa informatización co obxectivo último de facilitar unha oferta formativa e suficientemente ampla para cubrir as necesidades nas empresas dos parques e da súa zona de influencia no uso e aplicación das TIC.

Segundo recolle o convenio, a FEGAPE coordinará esta actuación que se compromete a executar en tres parques empresariais por cada unha das provincias galegas. Os parques empresariais deben contar cunha asociación de empresarios con sede no propio parque que dispoña dun local axeitado para a instalación das aulas. As asociacións de empresarios dos parques inicialmente propostos son as da Grela, do Polígono do Tambre e de Empresarios de Ferrolterra, na provincia da Coruña; as asociacións de empresarios de Begonte, Vilalba e Castro de Rei, na provincia de Lugo; as asociacións de empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao, do Polígono Industrial Barreiros e do Parque Empresarial de Chorente de Allariz, na provincia de Ourense; e nas asociacións de empresarios Parque Empresarial O Salnés, do Polígono das Gándaras do Porriño e de Mos, na provincia de Pontevedra.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia