Skip to main content

Traballo asinou un convenio de colaboración coa Federación Galega da Construcción para facilitar a inserción laboral das mulleres neste sector

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou co presidente da Federación Galega da Construcción, Ángel Fernández, un protocolo de colaboración co obxectivo de fomentara a inserción laboral das mulleres en profesións e oficios nos que se encontren subrepresentadas. O titular de Traballo recoñeceu que esta sinatura “sexa posiblemente unhas das primeiras firmas nun sector locomotora para poñer en activo políticas activas de emprego”.

A través desta sinatura, ambas entidades comprométense no desenvolvemento de proxectos formativos para mulleres, no sector da construcción, incidindo en especial, nos cursos de que leven aparellado o compromiso de contratación, de polo menos, o 60% das mulleres participantes. O conselleiro declarou que esta medida “conta cun itinerario previo adicado á formación, e a partir de aí unha serie de fases clásicas e típicas de integración en materia laboral, pero cun acordo específico que permite rematar coas barreiras que impedían a integración das mulleres ata o momento”.

Segundo se recolle no documento asinado, este acordo xurde para romper co tópico que encamiñou a centos de mulleres a uns determinados sectores conceptualizados como traballos feminizados, mentres que sectores como o da construcción, onde existen altos niveis retributivos, amplas posibilidades de formación e onde, as mulleres poden atopar expectativas de desenvolvemento e promoción profesional, foron sectores vedados para o colectivo feminino.

Ricardo Varela asegurou que dende o seu departamento “pretendemos facer políticas de integración e facer políticas específicas da muller, en aqueles sectores onde a muller está subrepresenatada, como é o caso da construcción onde a muller só representa o 3-4%, e nos que ten e pode ter unha maior presencia” e sinalou que esta situación débese “a un problema cultural, polo que é triste ter que demandar man de obra foránea cando temos un nicho de mercado na casa”.

A Consellería de Traballo acordou, coa Federación Galega da Construcción, facilitar o acceso á formación necesaria que permita que as mulleres se introduzan no sector en condicións óptimas, e dicir, promover unha oferta de formación profesional incentivadora da inserción laboral das mulleres en ocupacións vinculadas a este sector e unha oferta de promoción que levará aparellado posibilidades reais de acceso efectivas á contratación nas empresas do ramo. “Este tipo de medidas positivas encaixan coas políticas que a Consellería quere levar adiante, hai moitas mulleres no nos país que poden acceder a estes postos de emprego. Isto tamén facilita ao desemprego e a o desemprego feminino dun xeito moi importante”, declarou Varela

Coa sinatura deste convenio de colaboración Traballo e a Federación Galega da Construcción apostan polo traballo a prol da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes no acceso ao emprego no sector da construcción en ocupacións que teñen demanda efectiva. Ricardo Varela asegurou que “hai que romper o teito de cristal que está impedindo ás mulleres acceder aos postos de traballo, tanto nos sectores subrepresentados coma nos espazos de decisión das empresas”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia