Skip to main content

A Xunta enviará en xaneiro aos galegos de Cuba artigos de primeira necesidade e articulará unha comisión técnica que garanta a transparencia do proceso de entrega das axudas

A Secretaría Xeral de Emigración, atendendo ás necesidades dos galegos residentes en Cuba e ao principio de solidariedade da Galicia territorial coa Galicia da diáspora, articulará a partir de 1 de xaneiro de 2006 os mecanismos necesarios para que os emigrantes máis necesitados reciban a axuda na primeira semana do ano.
O Goberno galego priorizará o envío de artigos de primeira necesidade e alimentos, e farao tendo en conta as condicións sociosanitarias dos beneficiarios. Asemade, e por primeira vez, o Executivo autonómico, a través dunha comisión técnica dirixida polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, fará un seguimento da canalización e entrega das axudas, a fin de dotar ao proceso de transparencia, e para que a axuda chegue a quen de verdade a necesita.
A articulación de axudas en Cuba establecerase segundo novos criterios que respecten o principio de equidade e xustiza social, para o cal desde o día de hoxe a Secretaría Xeral de Emigración abre contactos cos responsables das entidades galegas en Cuba a fin de que remitan á administración galega un listado de potenciais beneficiarios. Ante as sospeitas sobre o reparto arbitrario que no pasado se fixo das axudas ás que tiñan dereito os emigrantes galegos, o novos responsables do departamento articularán mecanismos que garantan a obxectividade e a limpeza do reparto da axuda. Unha axuda que pretende consolidar a normalización dos dereitos dos galegos residentes na emigración.
A Secretaría de Emigración négase a arbitrar calquera tipo de axuda que poida ser entendida como un aguinaldo ou un regalo, de Nadal ou de Reis, en países nos que non están atendidas as necesidades básicas, como é o caso de Cuba.
Comparecencia parlamentaria
Manuel Luís Rodríguez, tal e como xa manifestou o pasado 14 de decembro a Antonio Cougil, presidente do Federación de Sociedades Gallegas en Cuba, comprométese a perfilar a principios de 2006 “un programa alternativo” ao que tradicionalmente se levaba a cabo por estas datas, pero agora desde criterios de solidariedade e non de caridade.
O secretario de Emigración, no cumprimento do programa de goberno, asume o compromiso coa transparencia e no inicio do próximo período de sesións, estará á disposición dos grupos parlamentarios para dar coñecer os resultados do novo programa de axudas.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia