Skip to main content

Touriño reclama o espíritu de xenerosidade do Pacto do Hostal para a reforma estatutaria

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, reclamou o “espírito de xenerosidade” que fixo posible hai 25 anos que “xentes de todas as procedencias nos encontráramos arredor dunha idea común” á hora de redactar o actual Estatuto de Autonomía para, perante o proceso de reforma estatutaria que se abre, seguir a “construír Galicia”.

No acto de presentación do capítulo O Pacto do Hostal da serie documental 25 anos de Autonomía, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación, o presidente da Xunta destacou a “aposta pola parlamentarización do noso autogoberno” que se produciu en 1977 mediante o apoio á “lexitimidade e representatividade da Asamblea de Parlamentarios”. Ao seu xuízo, este feito fixo posible “a centralidade do Parlamento de Galicia coma cerna das nosas institucións”.

Emilio Pérez Touriño incidiu en que “cando estamos a piques de abordar a reforma do noso Estatuto” segue a crer “no papel privilexiado que debe xogar o Parlamento de Galicia como motor da reforma”, así como “na necesidade de que todos volvamos a sentir aquel compromiso con Galicia que nos permitía recoñecernos a propios e estraños”.

Recordou o papel primordial do “millón de galegos que, por enriba das súas diferenzas ideolóxicas, partidarias ou de clase, foron capaces de coincidir dende a diversidade para dotar a Galicia de autogoberno”. “Sei que moitos dos que estábamos sentados naquelas reunións do Hostal facíamolo convencidos da enorme débeda e da enorme responsabilidade que tíñamos con aqueles devanceiros”, engadiu.

O xefe do Executivo autonómico exhortou á busca dun consenso coma o que fixo posible o actual Estatuto: “Os que redactaron aquel célebre Estatuto do 16, os que promoveron a ducia de proxectos estatutarios que serviron para a reflexión e o debate, os que estiveron nas manifestacións contra a aldraxe, os que estábamos no Hostal e os que estaban fóra; todos contribuímos a facer o Estatuto de Autonomía que temos, todos temos a obriga de contribuír agora á súa reforma”.

O presidente da Xunta manifestou a súa vontade de que Galicia aporte solucións e non problemas no actual marco de reforma territorial que está a vivir España. Por iso, o máximo mandatario autonómico fixo un chamamento ás forzas políticas a “pensar en país” para que, por enriba das “lexítimas posicións particulares de cada un”, poñan o interese de Galicia, o interese común e xeral como “comunidade nacional, como cidadanía”.

Afirmou que é necesario “aprender do pasado” e volver ao consenso que presidiu a negociación do Estatuto de Autonomía vixente para “mellorar a herdanza que recibimos”. “Chegamos aquí grazas a un esforzo de cooperación, de cohesión, grazas a que todos pensamos naqueles momentos hai 25 anos que era necesario pór en Galicia o interese común e xeral por riba do interese de partido, por riba do interese particular.

Neste proceso de reforma, o xefe do Executivo galego manifestou ademais o seu compromiso de facer un estatuto “a favor de todos, a favor de Galicia e non contra ninguén”. “Galicia non quere ser un problema no marco da reforma territorial do Estado e da mellora do Estado, Galicia non aspira, non debe ser protagonista de ningún problema, debe ser protagonista de solucións, aspiramos a ser unha solución e a aportar solucións”, afirmou Touriño quen puxo como prioridade neste proceso “encontrar o camiño das solucións aos nosos problemas, ás nosas inquedanzas e ás nosas esperanzas”.

Por último, agradeceu a TVE “o esforzo feito” para recadar os materiais que forman parte da historia de Galicia e que agora ven a luz a través da serie 25 anos de Autonomía e eloxiou a “magnífica escolma documental” desenvolvida para a realización do capítulo O Pacto do Hostal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia