Skip to main content

Fernando Blanco pediralle á SEPI que se comprometa co desenvolvemento industrial de Ferrolterra

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, anunciou en Fene que o día 10 de xaneiro se vai reunir co presidente da SEPI para transmitirlle a situación na que se atopa o sector da construción naval de Ferrol e o sector auxiliar de reparacións, co obxecto de buscar fórmulas que permitan afianzar un tecido industrial forte de cara a xerar emprego e riqueza na zona.

O conselleiro realizou unha visita ao concello de Fene, onde se reuniu cos grupos municipais, que lle trasladaron as necesidades máis urxentes do Concello en materia de industrialización. O alcalde agradeceu a visita do conselleiro a unha zona tan castigada polas reconversións navais, e destacou como unhas das principais reivindicacións o mantemento da actividade do estaleiro.

Axencia de Desenvolvemento Industrial

Fernando Blanco subliñou que a revitalización da comarca de Ferrol é un dos obxectivos do Goberno Galego e da Consellería que dirixe. Por esa razón, hai uns meses anunciou a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Industrial co obxectivo de planificar de xeito estratéxico a expansión industrial de Galiza. O titular nacionalista afirmou que neste momento a consellería xa dispón dun primeiro borrador da creación da axencia, e espera presentar en febreiro o texto articulado para a súa posta en marcha. Esta axencia servirá para realizar unha planificación económica e da política industrial, amais de coordinar os centros tecnolóxicos e de investigación. A axencia “encargarase de elaborar un plano director a 10 anos que actúe como un diagnóstico de cal é a situación e as liñas de actuación a seguir”, afirmou Blanco.

Na liña da diversificación económica da comarca, o conselleiro referiuse á posibilidade de que se implanten empresas doutros sectores como poden ser o do software ou o da aeronáutica.

Solo industrial e I+D+i

O conselleiro de Innovación e Industria comprometeuse ademais a realizar as xestións precisas diante das SEPES para lograr unha “rápida aprobación” da terceira fase do polígono empresarial de Vilar do Colo (Fene-Cabanas). Neste sentido, Blanco anunciou que o Goberno galego ten previsto acadar os 20 millóns de solo industrial en toda Galiza esta mesma lexislatura.

Fernando Blanco referiuse á creación de solo industrial e ao investimento en I+D+i como os piares básicos para o desenvolvemento industrial do país. Amais da suba das partidas orzamentarias destinadas a I+D pola Consellería de Innovación, o titular deste departamento explicou que agarda que Galiza poida contar aproximadamente con 298 millóns de euros do fondo tecnolóxico da Unión Europea, que “deben traducirse na mellora da competitividade das nosas empresas”.

Servizo eléctrico

En referencia á petición feita polos responsables municipais de que se soterren varias liñas de alta e media tensión, o conselleiro anunciou que esta vai ser unha das actuacións a estudar coas empresas eléctricas. Neste sentido, o plano de mellora da calidade do servizo eléctrico pasou de 9,5 millóns nos presupostos de 2005, a 18 millóns en 2006.

Dinamización turística

O conselleiro lembrou tamén que na comarca de Ferrolterra se vai pór en marcha un Plan de Dinamización Turística, por un importe de 4 millóns de euros, que vai permitir mellorar a promoción e o desenvolvemento turístico e económico da bisbarra.

Na súa visita á Ferrolterra, o conselleiro de Innovación e Industria reuniuse ademais cos presidentes da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios e con empresarios do sector de reparacións navais integrados en ACLUNAGA.

Así mesmo, entrevistouse coa dirección de Navantia en Fene e co comité de empresa. Os representantes dos traballadores pedíronlle a Fernando Blanco que se cumpran os acordos de decembro de 2004 e que se incremente a carga de traballo para o estaleiro, cuestión que o conselleiro se comprometeu a plantexar. Despois de visitar Navantia, o conselleiro de Innovación coñeceu tamén as instalacións da empresa Tecnymo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia