Skip to main content

O IGC levará a cabo unha campaña de inspección para velar pola correcta tarificación nos aparcamentos

O Instituto Galego de Consumo (IGC) levará a cabo unha inspección dos aparcamentos galegos para comprobar que están a tarificar axeitadamente os seus servizos eliminando o cobro por fracción de hora ou media hora, considerado abusivo pola Audiencia Provincial de Madrid. O IGC realizará con carácter previo un mailing, dirixido tanto ao sector empresarial como aos concellos, co que se lles instará a eliminar a citada cláusula abusiva das condicións xerais que rexen os aparcamentos.

A Audiencia Provincial de Madrid confirmou o pasado 8 de setembro unha sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº 46 de Madrid relativa ás cláusulas dos aparcamentos denominadas “ou fracción”. A citada sentenza responde a unha demanda presentada polo Instituto Nacional de Consumo no seu exercicio da acción de cesación contra a utilización de cláusulas abusivas que lesionan os intereses dos consumidores e usuarios. En concreto, advertíase sobre a fixación do prezo da estancia en aparcamentos públicos por fracción, de modo que se estaba a cobrar por unha hora (ou media hora) completa aínda que o vehículo non permanecera estacionado dito período de tempo completo.

Estes pronunciamentos xudiciais indican que os aparcamentos demandados deberán eliminar das súas condicións xerais a cláusula en cuestión e cesar na súa utilización ao ser considerada como abusiva. O IGC subliña que a Audiencia Provincial de Madrid considera que a cláusula que impón o cobro por fracción constitúe unha condición xeral de contratación, incorporada a un contrato de adhesión, para o que non cabe a negociación individual determinando que “non se axusta á boa fe a cláusula litixiosa, pois non pode afirmarse que sexa un comportamento obxectivo e leal, nin xusto, axeitado e proporcionado ao interese común das partes, a imposición ao contratante débil, ademais do pagamento pola cesión efectiva da praza de aparcamento, dunha cantidade adicional ata completar ficticiamente a unidade de medida do tempo que determina o prezo”.

A Lei 26/1984 para a defensa dos consumidores e usuarios considera como infracción a introdución de cláusulas abusivas nos contratos polo que unha vez considerado o carácter abusivo da cláusula “ou fracción”, o IGC decidiu levar a cabo esta campaña de inspección dos aparcamentos para comprobar a adecuación dos seus sistemas de tarificación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia