Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia promocionará o sector galego no exterior a través da posta en marcha do II Plan de Internacionalización

Promocionar de xeito específico, impulsar e facilitar as produccións audiovisuais galegas son os principais obxectivos do plan de actividades para o ano 2006 do Consorcio Audiovisual de Galicia. O programa foi presentado na reunión do Consello de Dirección deste organismo. No encontro tamén foi aprobado o Regulamento da Organización Interna do Consorcio.

A reunión estivo presidida polo presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia e secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, o vicepresidente primeiro e director de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, o vicepresidente segundo e director da Compañía de Radio Televisión de Galicia, Benigno Sánchez, e o director-xerente do Consorcio, Ignacio varela.

Tras a reunión, Fernando Salgado subliñou a posta en marcha para o próximo ano o Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego, que “por primeira vez vai integrar a todos os organismos públicos que teñan algo que decir coa promoción do sector audiovisual”. Deste xeito –indicou Salgado- “buscamos xuntar esforzos e sinerxias e conseguir un efecto multiplicador dos recursos do Consorcio”. Esta iniciativa ten como obxectivo paliar un dos principais déficits estructurais do sector que é o escaso peso económico das exportacións neste eido. Neste sentido, Salgado sinalou que “houbo nos últimos anos un crecemento produtivo neste sector, pero é preciso acceder a novos mercados”.

Con fin de acadar este obxectivo proponse darlle á Galicia Film Commision unha nova concepción, xa que terá como principal cometido impulsar accións que faciliten a rodaxe de obras audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia e promocionar o sector audiovisual fóra.

Esta unidade reorienta así as súas funcións para converterse nunha oficina de promoción exterior con dúas misións prioritarias: a promoción de Galicia como contorno competitivo idóneo para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais e para ser a imaxe institucional en accións de promoción exterior.

Imaxe e turismo

Para optimizar o labor de promoción turística como plató de rodaxe, e tendo en conta o impacto económico e turístico que implica unha rodaxe na súa zona de influencia, procurarase a sinatura dun acordo coa Dirección Xeral de Turismo para realizar unha base de datos de localizacións dixitalizadas e clasificadas por emprazamentos e categorías. Este paso permitirá que produtoras de fóra poidan acceder dun modo doado a unha base de datos actualizada que abranga todo o patrimonio paisaxístico e monumental e tamén urbano. Neste sentido estudarase tamén a presenza de membros da Galicia Film Commission nas feiras de turismo xunto con Turgalicia para atraer rodaxes á Galicia.

Outro dos obstáculos que se propón superar a Galicia Film Commission (GFC) de cara ao próximo ano é a presenza desigual destas organizacións en diferentes zonas de Galicia, así como a disparidade de criterios municipais en canto a lexislación e concesión de permisos. Nesta liña darase pulo á creación das Film Commision (FC) provinciais e farase un estudo das ordeanzas municipais sobre o tema e contactarase cos principais concellos nun intento de harmonizar a lexislación sobre rodaxes. Tamén se tentará atraer rodaxes de produtos como anuncios publicitarios e vídeos musicais para o que se impulsarán encontros e contactos con produtores e empresarios entre outras iniciativas.

Realizarase tamén unha campaña de presenza institucional nos principais mercados nacionais e internacionais como son o Clermont-Ferrand francés; o European Film Market, en Berlín; o MIPTV de Cannes ou o Marche du Film de canadá. Tamén se potenciará a asistencia a foros de coproducción e encontros como o que terá lugar co sector audiovisual francés, o brasileiro e o euro-mediterráneo.

Continuarase co programa “Curtas” de curtametraxe galega, que en 2006 cumplirá a súa cuarta edición, que espera superar a convocatoria anterior na que se chegou a máis de 30 países de todo o mundo e os traballos incluídos no catálogo obtiveron máis de 50 premios. Durante o ano 2006 continuarase tamén coa labor emprendida co programa “Raíces”, que implica accións conxuntas entre Galicia, Cataluña e Arxentina.

De cara a establecer a promoción de producións documentais galegas traballarase na elaboración dunha convocatoria similar á do programa Curtas, a través da que se confeccione un catálogo no que se recollan os mellores documentais. Enmarcaríase dentro dun programa “Doc´s Galicia 06”. Este catálogo distribuiríase en foros especializados de prensa, distribución, produción ou calquera outro relacionado no mesmo.

Plan de axudas

A convocatoria de axudas de cara ao ano 2006 divídese en cinco eidos: axudas para a asistencia a mercados eventos comerciais e festivais internacionais; para o impulso a coproducción de longametraxes cinematográficas con empresas produtoras independentes de Arxentina e Cataluña, no marco de Raíces; para o apoio a estreas de longametraxes cinematográficas fóra da comunidade autónoma de Galicia, para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet e para a ampliación e perfeccionamento de estudos no eido audiovisual.

Desenvolveranse unha serie de encontros co cine galego baixo o lema “Galicia: terra de cine” para favorecer a promoción do audiovisual galego. Levaranse a cabo sesións de traballo de produtores galegos con compradores, distribuidoras e canles de televisións e facilitaranse entrevistas con produtores, actores e directores galegos con periodistas españois e estranxeiros entre outras actividades plantexadas para impulsar o coñecemento da producción audiovisual de Galicia.

Para dar a coñecer estas e outras actividades e temas de interese do eido audiovisual, deseñáronse as estruturas e contidos das páxinas web do Consorcio Audiovisual e da Galicia Film Commissiom: http://www.consorcioaudiovisualdegalicia.org e www.galiciafc.org, esta última con nova imaxe a partir de xaneiro, a través das que se tenta dar unha visión global do sector. Tamén funciona como ferramenta de comunicación porque desde ela se ten acceso a todas as convocatorias das actividades postas en marcha por esta entidade e conta con enlaces como a carteleira, guía de localizacións e outros links de interese xeral.

Otra novidade é a próxima posta en marcha do Centro de Documentación e Estudos, para dacordo coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e si é posible coa CRTVG, que integre todas aquelas iniciativas existentes e ter unha información actual da realidade do sector audiovisual.

Formación

Desde o Consorcio impulsaranse accións formativas como cursos de idiomas, talleres de interpretación e cursos de voz e dobraxe. Ademais, no 2006 desenvolverase o proxecto Anima-Transfront co Norte de Portugal, que inclúe un estudo que serva para definir estratexias en materia de regulación, de distribución, de produción e de formación.

Levarase a cabo a terceira edición do programa “audiovisual nas aulas” que este ano de aplicarán en 60 centros de ensino público de Infantil, Primaria e Secundaria. Esta iniciativa inclúe módulos de iniciación á televisión, á animación e ao audiovisual. Este proxecto completarase con formación ao profesorado.

Orzamento

Na reunión foi aprobado o orzamento do ano 2006 que será de 866.000 euros, o que supón un crecemento dun 32% sobre o orzamento vixente. A normativa do Consorcio permite incorporar remanentes de anos anteriores, polo que é posible que a esta cantidade se sumen 634.000 euros de remanente, co que haberá unha partida orzamentaria superior ao millón de euros. O presidente do Consorcio, Fernando Salgado, explicou que este remanente é posible grazas ao aforro realizado pola da entidade durante este exercicio e á entrada de fondos externos no Consorcio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia