Skip to main content

Pesca amplía o seguro colectivo de accidentes no mar aos inmigrantes enrolados en buques pesqueiros galegos

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asinou a adenda ao contrato do seguro colectivo de accidentes no mar pola que se amplía a súa cobertura a todos os tripulantes estranxeiros, que estén enrolados en buques pesqueiros con porto base en Galicia e coticen no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social. Con esta medida, Pesca pretende paliar a posible precariedade económica e social na que quedarían inmersas as familias dos mariñeiros inmigrantes accidentados. O Goberno galego pretende así dar resposta a situacións provocadas en sinistros acontecidos recentemente nas nosas costas, evitando que os familiares destes tripulantes queden en situación de desamparo.

A póliza de seguro cubría, ata o de agora, a todos os mariñeiros de Galicia debidamente enrolados en calquera tipo de embarcación pesqueira; aos mariscadores galegos con autorización expedida pola Consellería de Pesca; aos traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da nosa comunidade autónoma, así como aos membros da Cruz Vermella de Galicia que participasen en tarefas de rescate e salvamento no mar. Coa inclusión dos
mariñeiros procedentes doutras nacionalidades estímase que o número de persoas aseguradas se verá ampliado nunhas 1.500 máis.

Carmen Gallego dá cumprimento así ao compromiso conquerido o pasado 15 de novembro no Parlamento de Galicia durante a presentación dos orzamentos da Consellería á que representa. Naquel entón, a titular de Pesca da Xunta xa anunciara a necesidade de ampliar a cobertura actual do seguro de
accidentes para que todos os mariñeiros que se atopasen enrolados en buques galegos recibisen o mesmo tratamento con independencia da súa orixe. A nova medida estará en activo a partires do 2006.

No que respecta aos riscos e capitais asegurados, o contrato asinado mantén as mesmas condicións que se contemplaban no anterior convenio. Deste xeito, a póliza establece a cobertura de indemnizacións de diferente cuantía nos casos de falecemento e invalidez permanente ou parcial, ademais de becas para estudos, gastos de gardería ou preescolaridade para orfos e fillos dos accidentados; repatriacións; gastos de sepelio e gastos de
adaptabilidade do fogar e do vehículo nos casos de minusvalía.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos investirá na prórroga deste contrato, cunha duración inicial ata xuño de 2006, un máximo de 580.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia