Skip to main content

Touriño asegura que o 2005 remata cun goberno estable e centrado en resolver os problemas de Galicia e dos galegos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o 2005 remata en Galicia cunha avaliación positiva; un Goberno que “funciona cun máximo de estabilidade e que está centrado en resolver os problemas da xente”. O titular do Executivo autonómico manifestou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que o que preside é “un Goberno volcado e centrado nos problemas de Galicia e da xente de Galicia, dos cidadáns da nosa terra”.

Touriño resaltou que a Xunta de Galicia ten un equipo de Goberno “estable, cunha coalición sólida” e que “fixo da educación, da sanidade, do emprego e da política social os eixes básicos da súa actuación nestes meses iniciais”. Neste sentido, indicou que os primeiros días de 2006 se porán en marcha “todas as mesas sectoriais derivadas do acordo do diálogo social”. “Empezaremos o ano con todas as mesas, incluída a primeira de sinistralidade laboral”, dixo.

Así mesmo, o máximo mandatario galego destacou que o goberno da Xunta está “centrado tamén na rexeneración e na modernización democrática”. Neste contexto, anunciou que, no inicio do ano, verán a luz “dúas leis que marcarán a pauta senlleira neste camiño”. Referíase á Lei de Publicidade Institucional e á Lei de Transparencia, que –apuntou- “terán a oportunidade de pasar polo Consello da Xunta” en xaneiro.

Segundo indicou o xefe do Executivo autonómico, “son as dúas iniciativas legais que tiñamos comprometidas de xeito inicial: transparencia e Lei de Publicidade Institucional, que levara a poñer fin e rematar cos vicios, os defectos e as pautas que se teñen producido na relación do poder político coa publicidade e cos medios, indirectamente”.

“Dúas boas novas”

A “aprobación en tempo e forma dos Orzamentos, que van na liña da modernización económica e do reforzamento da cohesión territorial e social de Galicia" e a “garantía de fondos europeos durante moitos anos” para a Comunidade Galega foron as “dúas boas novas” que o presidente da Xunta resaltou na súa avaliación da xestión no horizonte de final de ano.

Rande

Entre os obxectivos para o próximo ano, Touriño citou a busca de alternativas á peaxe de Rande. Neste apartado, insistiu en que desde a Xunta se está a traballar a día de hoxe “co obxectivo de ser capaces”, no comezo do ano 2006, de poder ofertar alternativas en relación con dita peaxe.

Pérez Touriño explicou que “é unha situación herdada envelenada” do Goberno anterior, pola privatización dunha empresa e a prórroga da concesión ata o ano 2048, un feito que “condiciona” todas as negociación. O xefe do Executivo incidiu en que pese a esta situación “non renuncio a cumprir o prometido” e declarou que espera que a principios de 2006 sexa posible “poñer enriba da mesa” alternativas que favorezan a mobilidade na área Sur de Galicia, e que tamén sirvan para a peaxe da Barcala, na área metropolitana da Coruña.

Indicou que se está negociando, falando e debatendo co Ministerio de Fomento e coa propia compañía concesionaria, conversas nas que participa directamente a conselleira de Política Territorial e que tamén “segue de preto o presidente do Goberno de España”, subliñou o mandatario da Xunta.

Selección galega

O presidente do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, cualificou o día de hoxe como “data positiva e certamente histórica para Galicia”, en relación ao partido da selección galega de fútbol. Touriño asegurou que será “a festa deportiva do país, unha grande festa” e amosou a súa confianza no alto seguimento do partido xa que “o fútbol mobiliza como ningún outro deporte a paixón, as gañas, os afectos e as adhesións”. “É un bo día”, concluíu.

Nomeamentos

Na súa intervención, o xefe do Executivo galego tamén destacou dous nomeamentos feitos hoxe polo Consello da Xunta. Resaltou as traxectorias do novo presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Puga Pereira, e do novo secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino Lecoq.

Verbo da secretaría de Acción Exterior dixo que é de “alto interese” e que se ten apostado por “un galego de elevada experiencia tanto na UE como na Comisión”, cun “background importante”. “Queremos gañar en protagonismo, -dixo- en presenza exterior, en mellorar o noso papel de participación na UE e a cooperación con Iberoamérica e o Norte de Portugal”. Así mesmo, anunciou a vontade de “abrir novos terreos” para a cooperación exterior, sobre todo “nos mercados emerxentes, onde hoxe Galicia está practicamente ausente e que teñen que ser incorporados de inmediato”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia