Skip to main content

Colaboración da Xunta permitiu distribuír alimentos en cociñas comunitarias e construir refuxios temporais no sudeste da India tralo tsunami de decembro de 2004

A colaboración da Xunta de Galicia, a través das xudas da dirección xeral de Cooperación Exterior, permitiu distribuír alimentos en cociñas comunitarias e construír refuxios temporais no sueste da India tralo tsunami de decembro de 2004. Logo dun ano da catástrofe, a ONGD Implicad@s no Desenvolvemento presentou esta mañá a un balance das actuacións levadas a cabo no estado de Tamil Nadu (India) coa achega da Administración autonómica. O Goberno galego destinou unha axuda de 30.000 euros para a atención das necesidades básicas dos afectados.

Durante os primeiros tres meses, as actuacións promovidas tiñan como principal obxectivo proporcionar apoio psicolóxico, atención sanitaria e tamén asistencia específica a nenos e nenas afectados pola situación. Durante esta fase tamén se proporcionou refuxio ás familias afectadas na zona. Concretamente, habilitouse un refuxio temporal para os 200 habitantes de Venttekarantheru, preto de 65 familias que perderan a súa aldea. No mes de febreiro, estableceuse unha cociña comunitaria onde se distribuíu comida quente tres veces ao día, coa colaboración das autoridades locais de Karaikal, que proporcionaron bombonas de gas e arroz de balde. As accións de emerxencia centráronse en 12 aldeas da zona de Karaikal, onde aínda hoxe continúan as accións de apoio psicolóxico e rehabilitación económica.

Precisamente, para contribuír á rehabilitación socioeconómica da zona tamén se planificaron accións a prol do desenvolvemento das mulleres. Con esta finalidade, impartiuse un curso de formación para a elaboración de perfume e de incenso en conos e barras no que participaron 21 mulleres. 13 delas recibiron apoio económico para comezar os seus negocios. Tamén se celebrou unha xornada de formación sobre como acceder a créditos para os grupos, e diversas xornadas de formación sobre apoio psicolóxico.

Outras actuacións

A dirección xeral de Cooperación Exterior tamén está a contribuír con Implicad@s no desenvolvemento noutras actuacións. Así, dentro da convocatoria pública de axudas para proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior executados por ONGD, a Xunta de Galicia achegou este ano 12,700 euros a para financiar as súas actuacións no desenvolvemento urbano en Tiruchy (India) e contan tamén cunha achega de 25.000 euros para a posta en funcionamento dun centro social polivalente en Vigo. Este local serve como sede para a promoción de iniciativas de cooperación para o desenvolvemento e a sensibilización cidadá co comercio xusto e o consumo responsable.

Axenda solidaria 2006

Tamén dentro desta colaboración se enmarca a Axenda Solidaria 2006, presentada esta mañá neste mesmo acto. Trátase dunha ferramenta de traballo ao tempo que un canal de sensibilización, posto que incorpora nas súas páxinas informacións, fotografías e datos sobre mocidade e desenvolvemento. Implicad@s no Desenvolvemento destina os fondos recadados coa venda desta axenda a proxectos de cooperación na India e Etiopía.

Implicad@s no desenvolvemento

Trátase dunha organización non gobernamental de desenvolvemento, apartidaria e aconfesional, que, dende 1998 actúa en Galicia a prol da sensibilización da poboación encol da pobreza e para apoiar e financiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía (unha das zonas máis pobres do mundo).

Financian proxectos que melloren as condicións de vida dos cidadáns a través da formación e capacitación e que, a mediano prazo, podan ser xestionadas polas propias comunidades. Un dos principios que guía o traballo desta ONG é a convicción de que non se pode falar de desenvolvemento sen acadar a erradicación da discriminación de xénero.

Na actualidade, están a desenvolver catro proxectos: dous no sur da India (un de desenvolvemento urbano en Riruchy, en Tamil Nadu; e outro no distrito de Karaikal, no estado de Pondicherry) e dous máis en Etiopía. Así mesmo, esta organización traballa en Galicia para sensibilizar á sociedade sobre a situación de pobreza que sofren millóns de persoas no mundo. Téntase trasladar á cidadanía que a solidariedade é un compromiso permanente e a longo prazo.

Dende outubro de este ano puxeron en marcha a tenda de comercio xusto Crisol, en Vigo, e organizaron unha serie de recitais de poesía, conferencias e xornadas de solidarias, como a noite de música e palabra celebrada o pasado domingo 18 de decembro no Auditorio de Galicia que contou coa participación de artistas como Mercedes Peón, Manolo Rivas, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Marta Dacosta, Fran Alonso e Fran Alonso, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia