Skip to main content

Touriño anuncia que en xaneiro asinará o Pacto Local cunha duración de catro anos, un obxectivo capital do Goberno

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, indicou que a Xunta está a piques de culminar as negociacións coa Fegamp sobre o Pacto Local, que terá unha duración de catro anos, polo que se amosou confiado en asinalo o vindeiro mes de xaneiro. O máximo mandatario galego, que considerou este pacto un dos “obxectivos capitais” do seu Goberno, salientou que con este acordo recoñeceráselles aos concellos as competencias que xa exercen na actualidade, ao tempo que se lles garantirá a suficiencia financeira, ao recoller un novo modelo de financiamento que mellore as súas percepcións actuais, todo o que redundará na prestación de servizos de maior calidade aos cidadáns.

En resposta a unha pregunta formulada polo voceiro do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE, Ismael Rego, o máximo mandatario galego destacou a “aposta polo diálogo e polo consenso” feita polo Goberno que preside que permitiu lograr o que o PP, “tras 16 anos de goberno con maioría absoluta non foi quen de conseguir, o ansiado pacto local”.

Así, salientou que esta “intención absolutamente clara de chegar a un acordo que implicase a todos os concellos” está a piques de frutificar na sinatura do Pacto Local, negociado “sen exclusións nin discriminacións” e que permitirá fortalecer o poder municipal, o que reverterá “no beneficio do país”.

Para apoiar a súa confianza na sinatura, o presidente lembrou que o pasado 19 de decembro o Consello Federal da Federación Galega de Municipios e Provincias aprobou o borrador do documento, feito que despexa o camiño para que se satisfaga unha “reivindicación histórica” do municipalismo galego.

O presidente lembrou que a negociación para acadar un Pacto Local en Galicia estaba xa prevista no acordo de bases programáticas que sustenta a acción de Goberno. Nel establécese que o Pacto debe recoñecerlle aos concellos as competencias que materialmente xa exercen na actualidade; debe garantizarlles a súa suficiencia financeira e debe establecer un novo modelo de financiamento municipal que permita a participación de todos os concellos nos ingresos do Estado.

Para darlle cumprimento, Emilio Pérez Touriño salientou que o acordo coa Fegamp fai unha “aposta decidida” pola inclusión do criterio de dispersión territorial á hora de financiar aos concellos. Trátase “dunha reivindicación histórica” da Fegamp que conta co apoio do Goberno galego polo que, indicou Touriño, solicitará ao Estado que se teña en conta no modelo de financiamento.

Fondo de Cooperación Local

O presidente tamén destacou que o documento consensuado coa Fegamp establece a dotación dunha “contía complementaria” e anual para o Fondo de Cooperación Local de 6 millóns de euros, o que amosa a decidida aposta da Xunta por fortalecer o papel dos poderes locais. Neste senso, Emilio Pérez Touriño remarcou o “esforzo financeiro” que realizará o Executivo galego para asumir, de forma paulatina, os custos de mantemento dos centros de saúde e dos xulgados de paz que na actualidade están a cargo dos concellos, así como dos centros de ensino primario.

Finalmente, Emilio Pérez Touriño manifestou que o reforzo da autonomía local permitirá avanzar na modernidade do país e na garantía da cohesión social e territorial. “Necesitamos municipios con financiamento estable e suficiente que sexan capaces de poder achegar e xestionar os servizos públicos e a prestación de servizos públicos pegados á cidadanía”, remarcou o presidente quen concluíu a súa intervención manifestando o seu compromiso de facer “da cooperación e do diálogo leal entre ambas administracións o marco e a folla de ruta da acción do goberno e da acción da propia comunidade” e agradecéndolle á Fegamp “o esforzo xeneroso que está a facer para concluír o acordo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia