Skip to main content

Touriño sostén que o acordo presupostario europeo responde plenamente aos intereses de Galicia, xa que vai percibir ata 2015 o 80% dos fondos do anterior periodo

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o acordo acadado polas autoridades europeas sobre as perspectivas financeiras para 2007-2013 é “altamente positivo” para Galicia dado que vai permitir que a comunidade siga percibindo fondos estruturais por un valor como mínimo do 80% das axudas que obtivo a comunidade no período 2000-2006. Para o presidente, o acordo abre un escenario de “estabilidade, confianza e solvencia” para o futuro do país, polo que se comprometeu a traballar para cambiar “en profundidade” o modelo de crecemento económico de Galicia e facelo pivotar na innovación, a calidade, a I+D+i e o fortalecemento do capital humano.

Así o asegurou en resposta a unha pregunta do voceiro parlamentario do PP, Manuel Fraga Iribarne, a quen acusou de ter levado a Galicia a unha situación de perda de peso económico durante os seus 16 anos de goberno con maioría absoluta. “Durante os últimos anos, Galicia, cunha grande importancia de fondos europeos, creceu significativamente menos que o resto de España, catro puntos menos no período 2000-2006 baixo a súa dirección política, perdemos peso economicamente e creouse unha fenda crecente e dolorosa en todos os sentidos”, argumentou.

Ampliación europea

O presidente da Xunta rexeitou as análises “carentes do máis mínimo rigor” feitas polo PP respecto do acordo orzamentario europeo pois, como explicou Pérez Touriño, os marcos financeiros do período vixente e do futuro 2007-2013 non son comparable dado que a Unión Europea acaba de afrontar unha ampliación que deu entrada a 10 países con rendas do 40% da media comunitaria e que demandan a solidariedade de todos.

“O acordo que se acaba de conseguir significa dar fortaleza, confianza e estabilidade á economía. O dato de que Galicia vaia seguir sendo receptora importante, extraordinariamente imporante de fondos estruturais ata o ano 2013 e máis alá ata 2015 é unha garantía, é un escenario extraordinariamente positivo para a nosa comunidade”, defendeu Touriño, pois deste xeito se despexan as incertezas sobre o mantemento dos fondos europeos para a nosa comunidade, ameazada con deixar de ser rexión obxectivo 1 polo efecto estatístico da ampliación europea.

Neste contexto, o presidente considerou altamente positivo o acordo porque, ademais de asegurar a percepción de fondos estruturais, garante que o Estado, e polo tanto Galicia, seguirá a percibir fondos de cohesión, un feito “impensable anteriormente cando España está no 97% da renda media da comunidade e polo tanto tocaba a renuncia automática dos fondos de cohesión”. E a isto súmase tamén a creación dun fondo de carácter tecnolóxico específico para España “que conecta coas necesidades de futuro” de Galicia. “Creo que estamos nun escenario de futuro altamente positivo e que nos debe asegurar, xunto co presuposto que se acaba de aprobar –no Parlamento de Galicia-, unha dose importantísima de confianza e de estabilidade no futuro da nosa comunidade”, remarcou o presidente, para agregar que agora o “desafío nos toca a nós” para garantir un crecemento estable “aproveitando adecuadamente a solidariedade e o esforzo europeos”.

Análise errónea

O presidente rexeitou realizar comparativas “carentes de rigor” entre os dous períodos financeiros, pois supoñen “desenfocar o problema e equivocar á opinión pública”. “Déixame tranquilo porque vostedes están na oposición e polo tanto non teñen a tarefa de gobernar este país, e polo tanto a súa análise equivocada preocúpame menos, bastante menos”, manifestoulle Pérez Touriño a Fraga Iribarne.

Non obstante, comunicoulle que se Galicia obtivo no período anterior fondos por un valor de 3.581 millóns de euros, no vindeiro período imos poder dispoñer “arredor do 80% como mínimo” dos fondos obtidos ata 2006. “Que Galicia vaia dispoñer de aquí ao ano 2015, do 80% dos fondos que puido dispoñer no período anterior, é unha garantía potentísima cara ao futuro do noso país”, dixo o máximo mandatario galego, quen lle recriminou a Fraga Iribarne e ao PP que baixo a súa dirección Galicia creceu por baixo da media española nun período no que foi a máxima beneficiaria de axudas europeas en relación á súa poboación.

“O investimento en formación de capital humano, o investimento en I+D+i foi un investimento pobre, raquítico que pon en marcha a grande responsabilidade que contraemos, que é a de revisar e cambiar en profundidade o modelo de crecemento económico deste país para apostar polo crecemento estable, polo crecemento en innovación, en calidade , en investimento en i+d en acumulación de recursos humanos” concluíu o presidente, quen emprazou á Cámara a asumir ese compromiso como o asume o Goberno.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia