Skip to main content

O presidente da Xunta apostará na súa mensaxe de Fin de Ano pola Galicia da unión e a cooperación

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostará na súa mensaxe institucional de fin de ano pola Galicia da unión e da cooperación, por unha Galicia na que todos os galegos estean embarcados e traballen no mesmo proxecto colectivo.

Pérez Touriño centrará a súa mensaxe institucional en facer un balance do ano que remata e expoñer os seus desexos e obxectivos para o ano que comeza. O presidente da Xunta definirá a Galicia coa que soña, unha Galicia moderna e tolerante, orgullosa da súa paisaxe, da súa cultura e da súa lingua e convidará a todos os galegos a traballar xuntos para conseguila.

Touriño, que pronuncia por primeira vez esta tradicional mensaxe de fin de ano, animará a todos os galegos a traballar por unha Galicia solidaria e próspera.

Comprometerase con estender a todos os galegos as oportunidades de progreso e benestar, facendo súa a mensaxe transmitida por un grupo de mozos de 25 anos no aniversario do Parlamento que demandaron a erradicación da desigualdade de oportunidades.

O mandatario galego asumirá o compromiso de traballar por unha Galicia chea de oportunidades para todos, para os mozos, as mulleres e os maiores, unha Galicia de oportunidades de traballo estable e de calidade. “Máis oportunidades para todos sexa cal sexa a súa posición económica ou a súa procedencia xeográfica”.

Lembranza aos que non están

O presidente da Xunta dedicará parte do seu discurso a lembrar a todos os galegos que por diversas causas están ausentes da súa terra nestas datas tan sinaladas. Touriño saudará de forma especial aos emigrantes galegos que residen fóra da nosa terra e agradeceralles o seu xeneroso esforzo e contribución ao progreso de Galicia.

A mensaxe do Presidente emítese o sábado 31 de decembro ás 21:30h pola Televisión de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia