Skip to main content

A Consellería de Traballo consegue incrementar a aportación do Estado ao Plan Integral de Emprego de Galicia en 14 millóns de euros no período 2006-2009

A publicación da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2006 confirma a boa nova para a Comunidade Autónoma de Galicia do incremento de 14 millóns de euros (máis de 2.300 millóns da antigas pesetas), na aportación do Ministerio de Traballo ao 1º Plan Integral de Emprego para Galicia, co que o orzamento total que figura con cargo ao Estado é de 24 millóns por cada unha das anualidades, un total 96 millóns no cuadrienio (uns 16.000 millóns das antigas pesetas).

Este incremento prodúcese como consecuencia da aceptación da emenda formulada polo PSOE, a iniciativa dos socialistas galegos, na tramitación parlamentaria do proxecto de Lei de Orzamentos do Estado.

A estas cantidades, aportadas polo Estado haberá que engadir a conseguinte cofinanciación por parte da Comunidade Autónoma, co que o orzamento total previsto para este Plan será de 192 millóns de euros (case 32.000 millóns das antigas pesetas) no conxunto do período.

Este Plan desenvolverase durante o período 2006-2009 e terá como finalidade, dunha banda favorecer a xeración de emprego nos sectores económicos menos desenvolvidos con especial atención ás zonas rurais e, por outra, promover a inserción laboral dos desempregados mediante a creación de itinerarios de inserción, impulsando a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades como mulleres, mozos desempregados menores de vintecinco anos e parados de longa duración; apoiando a reincorporación á vida laboral de persoas que abandonaron o mercado de traballo; apoiando a inserción no mercado laboral de persoas discapacitadas e inmigrantes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia