Skip to main content

Xunta e Fegamp pechan o acordo definitivo do Pacto Local

El conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luís Méndez Romeu, mantivo unha reunión có presidente da Fegamp, Xosé Crespo, na que ultimaron detalles do Pacto Local. Nesta xuntanza anunciouse a firma do Pacto Local previsiblemente para a próxima semana, así como se deron exemplos que amosan que este pacto vai a comezar a funcionar nos inicios de 2006.

O conselleiro de Presidencia, sinalou a importancia desta data afirmando que “hoxe cumprimos o obxectivo que nos dimos cando iniciamos as conversas do Pacto Local que era chegar a un acordo definitivo antes de rematar o año 2005”. José Luís Méndez Romeu confirmou que neste momento hai xa un este acordo “que ten moitas vantaxes para todas as partes”. O texto final estará preparado para firmar a vindeira semana con algunhas incorporacións que se fixeron hoxe mesmo durante a reunión.

Entre as medidas que supón a firma e entrada en vigor do Pacto Local, o conselleiro de Presidencia adiantou que iranse constituíndo comisións paritarias entre diferentes consellerías e Fegamp, que teñen como obxectivo a modificación de normas, e o mesmo tempo tamén comezará a funcionar a comisión galega de cooperación para ir desenvolvendo cada aspecto do pacto.

Segundo explicou José Luís Méndez Romeu, este pacto pon en primeiro plano “a necesidade de acordo de cooperación” entre as diferentes administracións que actúan nun mesmo territorio, marca obxectivos concretos e reformas lexislativas de moitas areas, así como compromisos financeiros explícitos. Ao respecto, e segundo detallou o conselleiro, hai un “acordo financeiro expreso para incrementar o fondo de finanzamento complementario en seis millóns de euros” en cada un dos catro anos da lexislatura.

O Pacto Local vai supor o mantemento dalgúns servizos especializados como os Grumir ata 2008 e tamén que a Xunta asuma asuntos que agora están en mans dos concellos, como centros de saúde, os custos de mantemento dos centros de ensinanza primaria e dos xulgados de paz. Ademais en oito consellerías crearanse grupos de traballo concretos para modificar unha serie de normas, como a Lei do Solo ou a Lei Informativa de Actividades Molestas e Perigosas. Por último, o Pacto local supón a creación, dentro da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, dun Consorcio para a xestión conxunta de centros de día, casas da xuventude e distintos órganos que son compromisos concretos para empezar a funcionar xa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia