Skip to main content

O número de cotizantes á Seguridade Social incrementouse en 33.490 persoas en Galicia ao longo de 2005

O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia aumentou en 33.490 persoas ao longo do ano 2005, o que representa unha suba en termos porcentuais do 3,46% con respecto a decembro de 2004. Así, a cifra en termos absolutos de afiliados de todos os réximes ascende dos 967.265 de decembro do pasado ano a 1.000.755 rexistrados en decembro de 2005.

Este aumento reflíctese tanto no réxime xeral como no de autónomos. De tal xeito a cifra de cotizantes inscritos no réxime xeral da Seguridade Social situase en 713.806, incrementándose en 30.408 persoas con respecto ao mes de decembro de 2004, o que representa un aumento do 4,45%. Pola súa banda, o réxime de autónomos rexistra unha suba do 2,68%, o que en termos absolutos supón un total de 4.794 afiliados máis que hai doce meses, situándose así a cifra total de afiliados neste réxime en 183.736.

O único réxime que sufre un descenso na taxa interanual é o correspondente ao agro, no que o número de cotizantes reduciuse nun total de 3.666 persoas, é dicir un 6,05% menos que en decembro de 2004. Así, ao remate do ano a cifra total de inscritos no réxime agrario é de 56.935 persoas.

O número de afiliados incrementouse neste período nas catro provincias galegas, sendo Pontevedra e A Coruña as que experimentaron un maior aumento no número de inscritos con 13.580 (3,98%) e 14.433 (3,61%) afiliados máis que en decembro de 2004 respectivamente. Tras elas situase Lugo con 3.230 novos inscritos, é dicir, 2,62% máis que en decembro do pasado ano, e Ourense, cun incremento porcentual anual do 2,18% (2.247).

Evolución Mensual

A 31 de decembro de 2005 o número de persoas inscritas en todos os réximes á Seguridade Social situase en 1.000.755, producíndose unha diminución de 11.425 inscritos con respecto ao mes de novembro.

É especialmente salientable o ascenso rexistrado no réxime de autónomos, no que no último mes o número de inscritos elevouse un 0,12%, situando a cifra total de afiliados en 183.736. Este ascenso prodúcese en todas as provincias agás Lugo que perde 1 afiliado con respecto a novembro. Na Coruña rexistráronse 104 novos inscritos no réxime de autónomos, en Pontevedra 93 e en Ourense 29.

Pola contra os réximes xeral e agrario sufriron no pasado mes de decembro un descenso no número de cotizantes. En termos absolutos o réxime xeral perdeu, no último mes de 2004, 10.647 afiliados con respecto ao mes de novembro, o que supón un descenso do 1,47%. Pola súa banda no réxime especial agrario diminuíu a inscrición en 211 persoas é dicir, nun 0,37%.

Todas as provincias rexistran un descenso no número de afiliados que é especialmente significativo no caso de Pontevedra, con 6.108 cotizantes menos que en novembro de 2005.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia