Skip to main content

Emilio Pérez Touriño aposta por dignificar e incluir a cooperación internacional na acción política transversal do Goberno galego

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou o compromiso do Goberno que preside na loita contra o empobrecemento. O máximo mandatario autonómico presentou as liñas mestras do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, que “pretende ser a nosa actuación e o noso compromiso fundamental na cooperación ao desenvolvemento”. Pérez Touriño sinalou que o obxectivo é “dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política transversal do Goberno galego, fortalecéndoa en medios materiais e humanos para poder levala a cabo”. Neste sentido, subliñou que se acadará o 0,4 por cento dos orzamentos da Xunta ao cabo desta lexislatura para este fin o que, segundo sinalou, “supón multiplicar por máis de oito a achega actual”.

“No desexo de cambio político que os galegos e galegas expresaron nas urnas, unha cooperación ao desenvolvemento transformadora debe, e vai ter, un papel fundamental”, dirixindo a acción do Goberno galego tamén aos países menos adiantados, asegurou Pérez Touriño, que tamén avogou por seguir os Oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio para o 2015, establecidos na Asemblea Xeral da ONU, priorizando a cooperación con aqueles países cuns maiores niveis de pobreza.

Neste sentido, o presidente da Xunta indicou que, tanto nos países da África Subsahariana como nos de América Latina nos que se concentrará a axuda para asegurar un maior impacto deste Plan Director da Cooperación Galega, se vai primar a cooperación cos sectores máis débiles e excluídos da poboación, a través de proxectos que favorezan “os esforzos e a responsabilidade dos gobernos e da sociedade civil na cobertura de necesidades básicas; no investimento no ser humano; na transferencia de tecnoloxía; e na creación de infraestrutura e tecido económico de base”.

Política de sensibilización e comunicación á sociedade
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén considerou prioritaria a implicación da cidadanía galega para facer fronte a este reto. “Precisamos do apoio decidido e esixente dunha sociedade galega cada vez máis sensibilizada por solucionar o que é, sen dúbida, o noso principal problema, o principal problema da humanidade: a absoluta desigualdade de oportunidades que implica nacer nun lugar ou noutro do planeta”.

Ante esta necesaria implicación da cidadanía, Pérez Touriño anunciou que a primeira preocupación do Goberno que preside nos vindeiros catro anos será a de realizar e fomentar “unha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega” sobre a necesidade e a realidade da súa cooperación, co obxecto de lograr “un enraizamento máis sólido dos valores e comportamentos responsables e solidarios”.

Fortalecemento e coordinación dos actores de cooperación
Así mesmo, o presidente da Xunta avogou por fortalecer todos aqueles actores do sistema galego de cooperación, especialmente as Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), fomentando a formación técnica, a experiencia compartida, unha maior independencia financeira e a prestación de axudas para a elaboración de plans estratéxicos.

Emilio Pérez Touriño asegurou, neste sentido, que a procura da máxima coordinación entre todos os actores da cooperación, tanto en Galicia como nos países onde se vai actuar, será “un requisito básico e imprescindible que dirixirá todas as accións da Xunta nesta área”.

Concretamente, o Goberno galego impulsará a educación para o desenvolvemento, para acadar un maior impacto, implicación e intercambio de experiencias solidarias entre os nenos e as nenas galegas; potenciará a investigación e a formación en todos os campos da educación superior; tentará buscar sinerxías cos diversos sectores galegos que teñen experiencia na cooperación ao desenvolvemento; e apostará polo movemento a favor do comercio xusto e o consumo responsable, para demostrar que é factible a competitividade con produtos de calidade e unha globalización “diferente”, na que a norma sexan os salarios dignos, a non explotación dos nenos, a igualdade do home e da muller no traballo e o respecto polo medio ambiente.

Etapa “decisiva”

“A cooperación galega aborda con ilusión este novo tempo político. A esta ilusión eu engadiría a responsabilidade e o convencemento de que estamos ante unha etapa decisiva da cooperación galega, probablemente única, para acadar un sistema galego de cooperación forte, esixente, integrado, independente e orientado a transformar unha realidade obxectivamente inxusta”, concluíu Pérez Touriño.

Na súa intervención, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, agradeceu o apoio e implicación neste acto dos diferentes sectores relacionados coa cooperación galega, especialmente a do titular do Executivo autonómico. Sotelo salientou que “é a primeira vez na historia da nosa Autonomía que o presidente da Xunta brinda o seu apoio explícito á difusión das liñas xerais de actuación neste eido”. Así mesmo, a directora xeral avanzou que “a partir de hoxe proporemos a todos os actores recoñecidos na Lei de Cooperación para o Desenvolvemento que analicen, discutan e colaboren na nosa proposta do primeiro Plan Director “.

O proceso de redacción deste plan culminará coa aprobación polo Parlamento de Galicia, a proposta do Consello da Xunta e tras o informe previo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

No acto de presentación do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 tamén participaron, ademais do presidente do Goberno galego e da directora xeral de Cooperación Exterior, os representantes de ONGD galegas, o presidente da súa Coordinadora, o presidente e distintos representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e tamén representantes da Universidade e das distintas consellerías do Goberno galego.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA PRESENTACIÓN DAS LIÑAS MESTRAS DO PLAN DIRECTOR DA COOPERACIÓN GALEGA 2006 – 2009

Bos días a todas e a todos.

Prodúceme unha especial satisfacción estar hoxe aquí con todos vós para presentar a proposta do que pretende ser a nosa actuación e o noso compromiso fundamental na cooperación ao desenvolvemento.

Como dicía a directora xeral, comezamos o ano facendo entrega da proposta do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 a todos os axentes implicados desde Galicia na loita contra a pobreza e as súas causas, para o seu debate e consenso, e que culminará coa súa aprobación no Parlamento Galego.

No desexo de cambio político que os galegos e galegas expresaron nas urnas, unha cooperación ao desenvolvemento transformadora debe, e vai ter, un papel fundamental.

Galicia ten que integrarse definitivamente nunha comunidade internacional cada vez máis interrelacionada e avanzar na procura dunha globalización na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma.

Por isto, a mirada cara aos países menos adiantados, condúcenos a incluír máis países da África subsahariana como prioritarios, e a xestionar con eles unha maior porcentaxe dos medios de que dispomos; prestando, ademais, unha especial atención aos proxectos liderados por mulleres, protagonistas do desenvolvemento en Galicia e no Terceiro Mundo.

Ter como criterio transversal para todos os instrumentos da cooperación galega os Oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio para o 2015 establecidos na Asemblea Xeral da ONU, implica priorizar a cooperación con aqueles países cuns maiores niveis de pobreza.

Tanto nos países da África Subsahariana, coma nos de América Latina, nos que se concentrará a axuda para asegurar un maior impacto, primarase a cooperación cos sectores máis débiles e excluídos da poboación, a través de proxectos nos que se favorezan os esforzos e a responsabilidade dos gobernos e da sociedade civil

* na cobertura de necesidades básicas,
* no investimento no ser humano,
* na transferencia de tecnoloxía
* e na creación de infraestrutura e tecido económico de base

O reto que temos é complexo.

Desde a Xunta de Galicia, este compromiso na loita contra o empobrecemento, exprésase de dous xeitos, no acordo de goberno entre PSOE e BNG:

• Por unha banda, acadar o 0,4% dos orzamentos ao cabo da lexislatura, o que supón multiplicar por máis de 8 a achega actual.
• Pola outra, dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política transversal do goberno galego, fortalecéndoa en medios materiais e humanos para poder levala a cabo.

Pero a nova axenda da cooperación pasa por recoñecermos con humildade, que non o podemos facer sós. Non pode ser unha tarefa exclusiva da Xunta de Galicia por separado.

Nin tan sequera en consonancia co resto de actores que aquí estades e que interveñen na Cooperación: administracións autonómica e local, organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), universidades, empresas, sindicatos:

Precisamos do apoio decidido e esixente dunha sociedade galega cada vez máis sensibilizada por solucionar o que é, sen dúbida, o noso principal problema, o principal problema da humanidade: a absoluta desigualdade de oportunidades que implica nacer nun lugar ou noutro do planeta.

É imprescindible que as galegas e galegos fagan seus os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, e alcen a voz para esixiren o seu cumprimento para

* erradicar a pobreza e a fame extremas
* acadar a escolarización primaria universal
* promover a igualdade entre os xéneros e dar poder á muller
* reducir en dous terzos a mortalidade infantil
* reducir a mortalidade materna en tres cuartas partes
* combater o VIH/SIDA, a malaria e outras enfermidades
* garantir a sustentabilidade ambiental
* e crear unha asociación mundial para o desenvolvemento

Nos próximos 4 anos, a nosa primeira preocupación será a de realizar e fomentar unha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega sobre a necesidade e a realidade da súa cooperación, das moitas historias de solidariedade e xustiza protagonizadas por galegas e galegos. Co obxecto de lograr un máis sólido enraizamento dos valores e comportamentos responsables e solidarios.

O fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación cunha especial dedicación as ONGD galegas ou con presenza activa en Galicia, será outra das nosas prioridades:

• a formación técnica
• o aumento da experiencia compartida
• a axuda para elaborar plans estratéxicos
• a maior independencia financeira para non depender de axudas públicas, etc.

Manterase sempre un requisito básico e imprescindible que dirixirá todas as accións da Xunta nesta área: a procura da máxima coordinación entre todos os actores da cooperación, tanto en Galicia como nos países onde se vai actuar.

Especialmente fomentaremos a educación para o desenvolvemento, como base esencial do cambio, na procura do máximo consenso entre actores, sociais e institucionais; autonómicos ou locais; na homologación das diversas áreas de traballo existentes (desenvolvemento, paz, ambiente, dereitos humanos, etc.), para acadar un maior impacto en nenos e nenas, e na súa implicación e intercambio de experiencias de solidariedade.

Potenciarase así mesmo a investigación e a formación en todos os eidos da educación superior. Incidirase especialmente nas causas do subdesenvolvemento, en novas vías de cooperación, no incremento da integración e na eficacia e eficiencia da cooperación galega.

Esta nova axenda política de aposta decidida por unha cooperación galega transformadora, esixente, de calidade e coa máxima integración e colaboración posibles, pasa tamén por recoñecer como unha prioridade a implicación e a procura de sinerxías cos diversos sectores galegos que teñen moita experiencia que achegar ao sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento:

• a produción agraria de pequena transformación
• a riqueza pesqueira
• a xestión integral dos recursos naturais e o ambiente
• as novas tecnoloxías (enerxía e comunicacións especialmente)
• a economía social e o cooperativismo
• e mesmo a experiencia da inmigración dos novos galegos e galegas procedentes de países cos que imos a cooperar.

Neste sentido, destacar que a nosa colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) se sectorializa cada vez máis, por petición dos propios países beneficiarios.

Facemos tamén unha aposta polo movemento a favor do comercio xusto e o consumo responsable; empezando por nós mesmos, nas institucións galegas (Xunta, concellos, Parlamento, Universidade…) e demostrándolles aos consumidores galegos que, con cada produto vendido nas tendas e supermercados, é factible a competitividade con produtos de calidade, e unha globalización diferente na que a norma poden ser

* os salarios dignos,
* a non explotación de nenos e nenas,
* a igualdade do home e a muller no traballo,
* e o respecto polo ambiente .

A cooperación galega aborda con ilusión este novo tempo político. A esta ilusión eu engadiría a responsabilidade e o convencemento de que estamos ante unha etapa decisiva da cooperación galega, probablemente única, para acadar un sistema galego de cooperación forte, exixente, integrado, independente e orientado a transformar unha realidade obxectivamente inxusta.

Agradezo moito a vosa presenza, a da directora xeral de Cooperación Exterior e o seu equipo, a dos representantes de ONGD galegas, a do presidente da súa Coordinadora, a do presidente e representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como a presenza dos representantes da Universidade e das distintas consellerías que tamén realizan ou pensan realizar tarefas de cooperación internacional.

A todas e todos, anímovos a traballar xuntos neste reto apaixonante.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia