Skip to main content

Máis de cen mil referencias bibliográficas contribuirán á mellora do ensino secundario en matemáticas

Fomentar o estudo das matemáticas e facilitar o labor docente dunha das materias con maior índice de fracaso escolar é o obxectivo do convenio asinado no Centro de Supercomputación de Galicia, en virtude do cal, os profesores de Ensino Secundario, así como a comunidade universitaria e científica galega terán acceso gratuíto a máis de 100.000 referencias bibliográficas relativas á investigación e á práctica da educación matemática.

Un total de catro institucións -a Real Sociedade Matemática Española, a editorial alemana FIZ Karlsruhe, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e máis a Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa- presentaron o froito dun acordo de colaboración que facilitará, por un período mínimo de tres anos, o acceso á base de datos MATHDI.

Esta base de datos, versión electrónica da prestixiosa revista alemana ZDM (Zentralblatt für Didaktik der Mathematik- Publicación especializada na didáctica das matemáticas), contén referencias de todas as revistas de relevancia no campo da educación matemática publicadas no mundo. Os seus fondos contan xa con máis de cen mil rexistros, datados dende o ano 1976 e con renovacións bimensuais de máis de trescentas entradas de media.

A tipoloxía e a temática dos documentos abrangue un espectro moi amplo dentro do campo da didáctica, que vai dende software e xogos educativos de matemáticas elementais ata revistas e informes técnicos nas matemáticas máis avanzadas. Todo co fin de facilitar a tarefa do educador e do investigador, e lograr así un maior desenvolvemento na aplicación das matemáticas na sociedade galega.

O mantemento e a actualización do espello da base de datos MATHDI correrá a cargo do CESGA, quen ofrecerá o servizo aos investigadores, alumnos e profesores dos departamentos de matemáticas das tres universidades galegas, centros do CSIC en Galicia e ao profesorado de educación secundaria para uso propio, docente e de investigación.

Nesta presentación, que tivo lugar esta mañá no CESGA, estiveron presentes o director xeral de I+D+i e presidente do CESGA, Salustiano Mato de la Iglesia, o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, e o Presidente da Real Sociedad Matemática Española, Carlos Andradas Heranz.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia