Skip to main content

Gas Natural garante aos sindicatos o mantemento dos compromisos sociais e de investimento de Endesa en Galicia

A Consellería de Economía e Facenda acolleu a reunión solicitada por Comisións Obreiras o pasado mes de decembro, co obxectivo de tratar cuestións económicas e laborais en relación coa Oferta Pública de Adquisición de Accións (OPA) formulada por Gas Natural sobre Endesa.

Á reunión organizada polo departamento que dirixe o conselleiro, José Ramón Fernández Antonio, asistiron por parte de CC OO de Galicia o secretario xeral, Xan María Castro Paz; o secretario xeral da Federación Minerometalúrxica, Esteban Vázquez Alonso; e o responsable do sector enerxético da Federación, José Hurtado Amador. Por parte de UGT asistiu o secretario xeral, José Antonio Gómez, o secretario xeral da Federación de Industrias Afins de Galicia, Juan Fernández Fernández, e Miguel López, en representación do comité de empresa do centro de As Pontes; mentres que por parte da CIG, asistiu o membro da Executiva Nacional, Fermín Paz Lamigueiro. A representación da compañía gasista correspondeu ao director general de Recursos do Grupo Gas Natural, Antonio Llardén, o director de Estrategia y Desarrollo, Antoni Basolas, e o director de Recursos Humanos, Valeriano Torres.

Segundo o previsto, a reunión tivo como obxectivo coñecer os compromisos de Gas Natural no caso de que prospere a OPA en relación aos investimentos e compromisos laborais en termos de emprego, e máis concretamente coas previsións respecto dos centros de produción e traballo da firma en Galicia. Os representantes de Gas Natural aseguraron que a operación no terá impacto no emprego nin nos investimentos previstos na Comunidade, tanto no que se refire á central das Pontes e o proxecto de ciclo combinado, como no referido a participación na planta de regasificación que promove Reganosa en Mugardos.

Compromisos de futuro

Ao finalizar o encontro, o conselleiro de Economía e Facenda, mostrouse satisfeito do resultado da reunión e destacou o “compromiso formal por parte de Gas Natural de que, no caso de que prospere a OPA, manteranse tanto os plans de investimento que nestes momentos están en marcha como os compromisos en relación co emprego e as condicións laborais”. Fernández Antonio tamén explicou o acordo alcanzado para manter novas reunións se a operación sae adiante co fin de “asegurar que estas condicións que Gas Natural xa comprometeu, sexan mantidas por calquera compañía” no caso dunha eventual venta de activos en Galicia.

O conselleiro tamén aludiu ao proxecto de Reganosa do que, segundo dixo, é un proxecto en marcha “sobre o que non existe ningunha dúbida” e que, ademais, se atopa na última parte do proceso de investimento. Fernández Antonio explicou que a propia Gas Natural manifestou no transcurso da reunión o seu interese no proxecto aínda que, por razóns de posición de mercado, e sempre e cando prospere a OPA, é probable que poida verse obrigada á venda da participación correspondente a Endesa. Nese caso, segundo o conselleiro, non haberá ningún problema á hora de atopar compradores interesados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia