Skip to main content

A comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal acorda demandar a priorización do Ave Vigo-Porto

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal acordou encargar un estudo previo de características técnicas e de demanda do proxecto de comunicación ferroviaria de alta velocidade entre as cidades de Vigo e Porto. A Comunidade de Traballo fixo este anuncio tras manter unha xuntanza, na cidade de Porto, na que participaron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez Reino. Pola parte portuguesa participaron nesta xuntanza o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, así como os tres vicepresidentes deste organismo, Ricardo Magallaes, Cristina de Azebedo e Paulo Gómez.

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é consciente de que o Executivo portugués atravesa un problema financeiro importante que lle fai poñer en cuestión algúns dos seus proxectos, pero considera que o AVE entre Porto e Vigo non se pode poñer en cuestión, porque é tan prioritario para o Norte de Portugal como para Galicia.

O Goberno galego salienta que a comunicación Vigo-Porto e o enlace entre España e Portugal máis intensamente empregado polos cidadáns. De feito, nos últimos dez anos, o tráfico de vehículos entre as dúas cidades multiplicouse por tres e o volume de mercadorías, tanto importacións como exportacións, medrou un 130 por cento. Para a Xunta de Galicia estes datos corroboran que a interrelación entre Galicia e o Norte de Portugal é fundamental para as dúas rexións, polo tanto, cre necesaria a súa posta en valor e avoga por incrementar as vías de comunicación entre ambos os dous territorios.

Así mesmo, os representantes de ambos territorios teñen a convición de que a medio e a longo prazo esta liña de ferrocarril será unha alternativa de transporte sostible, tanto no tráfico de viaxeiros como de mercadorías.

Tras finalizar o encontro, que se prolongou máis dunha hora, o grupo de traballo informou do acordo para impulsar o estudo exhaustivo sobre as características e a demanda da liña ferroviaria entre Vigo e Porto, e tamén a súa intención de promover un subgrupo de traballo para potenciar este eixo.

Así pois, a Comunidade de Traballo solicitou formalmente, tanto a Ministerio de Fomento español como ao Ministerio de Transportes portugués, a creación dun subgrupo de traballo, no que participe a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal para analizar polo miúdo e impulsar a comunicación ferroviaria entre os dous territorios, tal e como se acordou no cumio hispano-luso de Évora.

Desde os Gobernos español e luso estanse a crear grupos de traballo de alto nivel para cada un dos proxectos ferroviarios entre a Comunidade galega e o Norte de Portugal. A creación do subgrupo de traballo permitirá que o proxecto do eixo ferroviario entre Vigo e Porto sexa o único cun equipo destas características no que ten presenza unha comunidade de traballo interrexional específica.

O grupo de traballo Galicia-Norte de Portugal considera que estes acordos constitúen o primeiro paso para o desenvolvemento da liña ferroviaria entre Porto e Vigo e espera ter novas positivas a este respecto a mediados de febreiro.

Precisamente neste mes será cando se celebre o plenario polo que se procederá ao traspaso de poderes da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal cara ao Goberno galego.

Os membros do grupo de traballo tamén esperan ter a finais deste ano 2006 datos concretos para poder achegar documentación sobre as principais características técnicas deste proxecto ferroviario, así como datos relativos á demanda desta infraestrutura.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia