Skip to main content

O novo edificio administrativo en Pontevedra concentrará todos os servizos da Xunta nesta cidade a partir do próximo ano

O conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, visitou as obras do novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, onde afirmou que está previsto que, no outono do 2007, se concentren todos os servizos do Goberno galego, se ben subliñou que o seu destino final “vai depender das necesidades que teñan nese momento a Xunta e os seus organismos”. Isto permitirá que se liberen locais que están alugados, e que se poidan estudiar outras operacións de acordo coas necesidades da Xunta e co mercado inmobiliario da cidade.

O titular de Presidencia sinalou que a propia transformación urbanística en Pontevedra pon en valor un área “onde hai xa un xérmolo de cidade administrativa que vai permitir unha operación de concentración de servizos”, que hoxe están dispersos.

Características do edificio

O proxecto do edificio administrativo foi deseñado polos arquitectos Manuel Gallego Jorreto e Jacobo Rodríguez-Losada Allende, partindo de dúas premisas: resolver o seu enlace coa estructura urbana e o impacto producido, e responder á solución do espacio de traballo. O elevado número de metros cadrados construídos supoñen, a pesares do tamaño do solar, un volume edificado moi importante para a zona, o que plantexaba dous problemas: a convivencia da construcción cos edificios próximos e o ensombrecemento do espacio público axardinado que se prevé situar no seu lado norte.

Isto palíase concentrando a edificación no linde sur, para afastar a construcción do parque e gañar un espacio libre axardinado ao longo de todo o solar, que absorbe parte da sombra que proxecta o edificio, ao tempo que diminúe o seu impacto visual. Así mesmo, o proxecto plantexa construír o volume máximo aceptable (planta baixa e 3 altas) para que a súa presencia non perturbe aos edificios próximos, mentres que o resto de metros cadrados necesarios do programa proxéctanse noutro edificio en altura, que coa súa esbeltez producirá unha sombra móbil de superficie máis reducida. A zona baixa do edificio que cubre todo o solar alberga todas as funcións de planta baixa e os espacios administrativos.

O edificio concíbese como un contedor de grandes espacios abertos de traballo, que permita subdividir o seu espacio con grande liberdade. Ademais do espacio administrativo onde desenvolverán o seu traballo uns 1.000 funcionarios da práctica totalidade das delegacións da Xunta na cidade, existirán outras dependencias como son gardería, oficina de correos, oficina bancaria, sede da Policía Autonómica e laboratorios dependentes da consellería de Sanidade. Así mesmo existen espacios destinados a arquivos, almacéns, salón de actos, biblioteca, aulas de formación, obradoiro, cafetería, etc.
Gabinete de Comunicación da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia