Skip to main content

Carmen Gallego apela á responsabilidade do sector mexilloeiro

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, recibiu en San Caetano aos representantes das organizacións Agame, Opmega, Federación Arousa Norte e Consello Regulador do Mexillón para explicarlles de novo as liñas de actuación que se están a levar a cabo dende o departamento que dirixe para paliar os danos provocados polo grave episodio tóxico que afecta ao mexillón. A conselleira lembrou aos asistentes que dende a súa chegada ao Goberno cumpliu todos os compromisos adquiridos co sector e que sempre estivo aberta ao diálogo, demostrandoo nas diferentes xuntanzas que mantivo conxuntamente e de forma individual con cada unha das organizacións de produtores. Neste senso, Gallego Calvar pediulles que actúen coa responsabilidade que lle corresponde a un sector económico tan importante como é o mexilloeiro.

A xuntanza de hoxe dá resposta á esta oferta de diálogo permanente por
parte da conselleira e serviu, entre outros temas, para tratar as axudas
do “Prestige” ofertadas polo Ministerio de Economía, axudas que Gallego
Calvar anunciou o pasado martes na primera xuntanza que mantivo cos
bateeiros. O Goberno galego conseguiu de Madrid unha compensación de 12.000
euros por batea polos danos que o sector sufriu na marea negra, un pago
que é posible gracias á certificación feita pola Consellería de Pesca. Este
departamento lexitimou, a diferencia do Goberno anterior, que o sector sí
estivo afectado polo sinistro do petroleiro. A valoración inicial dos danos
ascendeu a 17.000 euros, cifra que foi fixada posteriormente polos
peritos de Economía en 12.000 euros. Neste senso, a conselleira recordou
aos asistentes que é unha decisión individual de cada produtor aceptar ou
non esta axuda e apelou á “súa responsabilidade” á hora de actuar.

Marea vermella

Dende Pesca lembrouse as outras subvencións que se habilitaron nos
derradeiros días
para o sector, neste caso por mor da marea vermella, que foron publicadas o
pasado luns no Diario Oficial de Galicia e que ascenden a máis de 800.000
euros, que se poderán ampliar segundo as solicitudes que se reciban para o
pago das mesmas.

Axudas do Igape

Gallego Calvar sinalou que, en previsión dunha apertura masiva de polígonos
de bateas ao remitir a toxina e para evitar un colapso do mercado, se está
traballando co Igape na habilitación dunha liña de crédito para a estocaxe
do produto. Ademais, se levará a cabo unha campaña de promoción do mexillón
de Galicia en colaboración co sector.

Traballos de investigación

Por outra banda, na reunión abordáronse as diferentes liñas de
investigación que se están a desenvolver para paliar ou prever novos
periodos de toxicidade tan virulentos como o presente. Neste senso, cabe
destacar o estudo no que se está a traballar para obter un sistema de
predición de mareas vermellas que permita evitar que “as bateas estén cheas
de produto coincidindo con estos episodios tóxicos”, destacou a
conselleira. Asimesmo, explicou que técnicos do CIMA (Centro de
Investigacións Mariñas) estudan unha fórmula rápida e segura de
destoxificar o mexillón de DSP (toxina diarreica). Ademais, se porá en
marcha en colaboración co Consello Regulador, un estudo sobre a xenética
do mexillón de Galicia co obxectivo de evitar que se venda produto foráneo
como se fora galego.

No que se refire á Denominación de Orixe, a Conselleira de Pesca informou
aos representantes do sector bateeiro de que xa se trasladou a Bruxelas o
interese do Goberno galego por conquerir a DOP para o mexillón, que de
acadala convertiría o molusco no primeiro produto da pesca que conta con
denominación de orixe protexida.

Tamén se falou dos traballos que se están levando a cabo no estudio do
muestreo integral, coa colaboración da Universidade de Santiago e o
Intecmar. A conselleira adiantou que as conclusións do mesmo se poderán
coñecer antes da primavera.

Reparqueo e ordenación

Por último, a conselleira anunciou tamén hoxe a creación dun grupo de
traballo coa participación do sector para a reordenación das zonas de
reparqueo do mexillón, que coordinará a Dirección Xeral de Recursos
Mariños. Esta medida consiste en levar o produto a zonas libres de
toxinas para a súa destoxificación e desta forma evitar unha perda
económica ao sector en caso de marea vermella.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia