Skip to main content

Emigración potenciará a colaboración social e cultural coa comunidade galega en Cuba así como coa cátedra Rosalía de Castro da Universidad de La Habana

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, expuxo á comunidade galega en Cuba, país do que parte en dirección a Brasil, os novos programas que o Goberno galego desenrolará na emigración de cara ao 2006. A necesidade de acadar maiores cotas de benestar na cidadanía galega da diáspora, mantén á Secretaría ocupada no deseño dun paquete de medidas de prestacións sociais ás persoas dependentes da terceira idade. Fronte ás características da colonia de galegos en Cuba, e ante as necesidades que se constataron durante a viaxe, Manuel Luís Rodríguez anunciou ás entidades galegas coas que se entrevistou, o estudio dun novo programa que proporcione, entre outros artigos, cadeiras de rodas e muletas para unha poboación moi envellecida, en tanto que a emigración a Cuba rematou nos anos 50.

Incentivar a programación cultural, adaptando a oferta ás expresións máis actuais, foi outro dos compromisos asumidos por Manuel Luís Rodríguez. En entrevista cos responsables da cátedra de Cultura Gallega Rosalía de Castro, da Universidad de La Habana, o responsable do departamento de Emigración entendeu necesario que a Secretaría potencie a cultura galega en Cuba e contribúa á difusión que da mesma se fai dende a cátedra. Ao tempo, ofreceuse para interceder con outros departamentos do Executivo autonómico para que tamén interveñan a prol da transmisión da nova cultura do país.

A presenza do secretario xeral en Cuba serviu, asemade, para dar a coñecer as características do “Programa Solidariedade cos galegos de Cuba”, que deixa de executarse en concepto de aguinaldo de Nadal. A entrega, entre os 927 beneficiarios, de lotes de produtos de uso cotián responde á execución dun dereito e non á concesión dunha dádiva. As axudas prolongadas no tempo, como as que activará o actual Executivo, pretenden envorcan situacións de verdadeira necesidade entre a comunidade. O alcance dos chamados aguinaldos, propios doutra época, dilúese en cambio superado o Nadal.

A fin de que o proceso se resolva con transparencia, introdúcense normas de obrigado cumprimento tan elementais como que a retirada dos lotes por parte dos beneficiarios se faga, previa acreditación da súa orixe galega, sen a presenza de representantes políticos e medios de comunicación para preservar en todo momento a dignidade dos cidadáns.

Novos criterios para novos programas

Manuel Luís Rodríguez transmitiu aos representantes das entidades galegas a conveniencia de proceder no futuro a unha execución dos programas da administración dende unha óptica conxunta, a fin de operar con maior eficacia. O secretario demandou ás entidades que colaboren entre elas para que a oferta de programas sociais e culturais da Xunta de Galicia non perda alcance ante a multiplicidade de entidades, que no caso do país caribeño achégase ás cincuenta. A xestión integral dos proxectos, que en ningún caso provocará unha perda de autonomía das entidades, incrementará a repercusión dos mesmos entre a colectividade.

A presenza do responsable de Emigración da Xunta en A Habana completouse coa entrevista co Vicepresidente do Consello de Ministros do Goberno de Cuba, Gallego Fernández, e cos encontros de traballo coa Consellería Laboral, co embaixador e co cónsul de España no país caribeño.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia