Skip to main content

Emilio Pérez Touriño quere que a Casa de Galicia en Madrid se converta nun referente da proxección exterior da comunidade galega

“A presenza exterior de Galicia, a proxección externa da nosa Comunidade ocupará e ocupa desde xa un aspecto protagonista, primordial e prioritario da actividade do Goberno da Xunta de Galicia e do seu presidente en particular”. Así o asegurou o titular do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, durante a presentación aos medios de comunicación do novo director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso Sobrado Palomares, institución que pretende ser un punto de encontro e debate que sirva para a proxección exterior da Comunidade.

“Quero que esta Presidencia da Xunta de Galicia se caracterice por unha presenza exterior relevante e importante da Comunidade en todos os foros, en todos os escenarios e espazos de oportunidade”, salientou Emilio Pérez Touriño, lembrando que “Galicia ten que estar presente en España, cada vez máis, con potencia, con actividade, con protagonismo”.

Neste sentido, o presidente do Goberno autonómico considerou que Madrid e a Casa de Galicia deben ter un papel destacado na proxección da Comunidade galega: “Madrid ten que ser un escenario propicio para Galicia”. E a Casa de Galicia “unha plataforma para abrirnos ao mundo”, unha “ponte de diálogo de Galicia con outras culturas e outros eventos”.

Nova etapa

Na súa intervención o titular do Goberno autonómico sinalou que a nova etapa da Casa de Galicia en Madrid estará caracterizada por unha apertura e unha maior proxección da Comunidade galega. “Queremos que sexa unha Casa que represente á Galicia do cambio, á Galicia aberta e moderna, á Galicia capaz de sintonizar co pensamento progresista, coas correntes culturais, coas achegas e os debates máis importantes que se están producindo no mundo de hoxe e que, polo tanto, esa Casa actúe como punto de encontro para a análise, o pensamento e o debate”, “para a proxección exterior de Galicia” e como “eco de Galicia en España” e “punto de encontro da Comunidade galega en Madrid, de Galicia en Madrid e de Madrid con Galicia”, sinalou Pérez Touriño.

Nesta mesma idea incidiu o novo director da institución, Alfonso Sobrado Palomares, asegurando que a Casa de Galicia en Madrid debe ser un “escenario no que temos que actuar para dar o contido novo da Galicia aberta, progresista, múltiple e porosa”, pero sempre mantendo o contacto coa Comunidade. Un espazo onde a Comunidade galega sexa “emisor e receptor”, que sexa ao mesmo tempo o “escenario onde se produce un son galego e onde se produce o eco de Galicia”.

Así mesmo, Alfonso Sobrado Palomares comprometeuse a converter á Casa de Galicia en Madrid nun espazo que sirva para proxectar a imaxe da Comunidade galega. A Casa de Galicia “será un espazo de encontro con todos, coas institucións da nación, con toda a xente para que saiban que Galicia se move nunha dirección aberta, cada vez máis cohesionada e máis moderna”. Un espazo que, remarcou, debe servir para proxectar Galicia e para que a “nova dinámica progresista e aberta” se traslade ata alí “e a escoiten os outros”

Escenario político, cultural e económico

Na súa intervención, o presidente do Goberno galego tamén apostou por outorgarlle á Casa de Galicia en Madrid un papel relevante, non só no ámbito cultural, senón tamén no político e económico. “A Casa de Galicia ten que xogar un papel relevante no escenario político e económico en relación coa achega e presenza de Galicia en España e en Europa, especialmente no diálogo con outros escenarios, mercados e culturas”, salientou Pérez Touriño.

Desde a dirección da Casa de Galicia “lanzaremos un programa de alto interese onde aspiramos a que Galicia estea presente no foro de debate, ser escoitados e escoitar en torno a elementos moi interesantes: a identidade, os novos mercados emerxentes, os riscos da globalización, o desenvolvemento das novas tecnoloxías...”. “A Casa de Galicia –concluíu Pérez Touriño- ten que ser un escenario para que os líderes empresariais galegos teñan un espazo de oportunidade e de referencia”.

As primeiras medidas

Pola súa banda, o director da institución anunciou que unha das primeiras medidas que se van estudar é a ampliación dos horarios das galerías de exposición da Casa de Galicia, así como a posta en marcha dunha páxina web “moi interactiva” e “dinámica” para que a xente poida transmitir as súas achegas e ideas.

Por último, o presidente da Xunta agradeceulle a Alfonso Sobrado Palomares a súa dispoñibilidade e que “aceptara o encargo que lle pedín”, abandonado a súa traxectoria profesional para “reencontrase coa causa de Galicia, a causa da nova Galicia, da Galicia progresista e moderna na que queremos avanzar entre todos”, un encargo que Sobrado Palomares dixo asumir con “entusiasmo e fervor de novizo”.

Curriculum Alfonso Sobrado Palomares

Nacido na localidade ourensá de Calvos de Randín, Antonio Sobrado é licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e en Periodismo, campo no que ten desenvolvido a súa vida profesional. Tamén realizou estudos de filosofía, así como cursos especiais sobre marxismo e existencialismo.

Foi director da Axencia de reportaxes Radial Press, ao tempo que comentarista de política internacional en Sábado Gráfico e en Cambio 16, revista da que tamén foi conselleiro de redacción. A finais de 1973 fundou e dirixiu a revista Ciudadano, que causou unha auténtica perturbación na paisaxe política e xornalística nacional, xa que criticaba de maneira aberta os produtos do mercado así como os métodos comerciais e, por elevación, a Administración franquista. De aí pasou a dirixir a revista Posible e máis tarde fundou e dirixiu a revista Leer, dedicada a temas literarios e artísticos.

Foi vicepresidente da Asociación da Prensa de Madrid e presidente da Comisión de Hoja del Lunes. Durante cinco anos, de 1980 a 1985, foi comentarista de política internacional no Periódico de Catalunya, tempo no que tamén mantivo unha columna na Axencia OTR, que reproducían diariamente vintedous xornais.

No 1986 foi nomeado presidente-director xeral da Axencia EFE, cargo que desempeñou durante dez anos. Nese período, a Axencia foi galardoada co premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.

No 1988 foi distinguido co Master de Ouro, que concede o Forum de Alta Dirección para premiar a liña profesional de empresarios e directivos.

No eido educativo, dirixiu cursos de verán relacionados co mundo da comunicación e as relacións internacionais nas universidades Menéndez y Pelayo, o Escorial e Ronda e pronunciou conferencias en diversas universidades de España, Portugal e Iberoamérica.

No 1997 pasou ao Grupo Zeta como director de Relacións Internacionais e Asesor Editorial, así como comentarista político da revista Tiempo e o Periódico de Catalunya. O 17 de maio de 2001 foi nomeado director do Diario Córdoba e editor de Onda Mezquita. E o 28 de setembro de 2001 tomou posesión como presidente do Consello Social da Universidade de Córdoba cargo no que, ao final do seu mandato no 2005, foi distinguido coa Medalla de Ouro da institución académica cordobesa.

Por motivos xornalísticos ou de xestión empresarial, ten recorrido setenta países entrevistando ou entrevistándose con grandes dirixentes mundiais, entre outros Ben Bella, Tito, Pertini, Fidel Castro, Noriega, Salinas de Gortari, Alfonsín, Arafat, Netanyahu, Willy Brandt, Mario Soares ou Belisario Betancourt.

Publicou os libros de ensaio: África, la hora de las violencias, El socialismo y la polémica marxista e Albert Camus, unha biografía na que analiza a obra e o pensamento do famoso Premio Nobel. Como narrador publicou as novelas: Agotando la esperanza -que obtivo o II Premio Café Gijón-; Las linotipias del miedo, Una larga sed e o pasado mes de maio saíu á venda a súa última novela Te amaré después de siempre, cuxa primeira edición se esgotou nun mes.

O pasado mes de novembro deixou a dirección do Diario Córdoba para incorporarse ao Grupo Zeta como asesor da Presidencia e membro do Comité Editorial. Ao mesmo tempo publicaba, en Ediciones B, o libro: Felipe González, el hombre y el político, libro do que no seu primeiro mes se lanzaba a cuarta edición.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia