Skip to main content

A Consellería de Traballo e Vegalsa- Grupo Eroski asinan un protocolo de colaboración que conleva a creación de 2.000 postos de traballo directos

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou co presidente do grupo Eroski, Constan Dacosta, e o director xeral de Vegalsa-Grupo Eroski, Joaquín González, un protocolo de colaboración entre a Consellería e Vegalsa-Grupo Eroski, que ten como obxectivo promover a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, así como fomentar o emprego estable, loitar contra a discriminación e apostar polo desenvolvemento da mocidade. Este convenio implica a creación de 2.000 postos de traballo directos.

Segundo se recolle no documento asinado na Plataforma de Mercancías Xerais de Vegalsa-Grupo Eroski, en Sigüeiro, este acordo xurde do obxectivo común e compartido “no referido á estabilidade no emprego, á participación da muller en pé de igualdade no mercado laboral, á incorporación da mocidade no mercado de traballo, ao dereito a un traballo igual aos que son diferentes e na aposta polo desenvolvemento sostible de Galicia”.

O compromiso adquirido pola Consellería de Traballo coa sinatura deste convenio corresponde á formación ocupacional dos desempregados para a súa inserción á empresa. Así mesmo, segundo salientou Ricardo Varela, “pretendemos poñer en marcha novas liñas de actuación con criterios de discriminación positiva, que faciliten o acceso das mulleres víctimas da violencia de xénero ao emprego, ao mesmo tempo facilitaremos o acceso da empresa ás liñas de incentivos á contratación tentando evitar a reiteración de trámites administrativos”.

A raíz deste protocolo, o departamento que dirixe Ricardo Varela e Vegalsa-Grupo Eroski, traballarán conxuntamente na determinación dos perfís profesionais requiridos de cara a dirixir á empresa aos demandantes de emprego que precisen.

Outras das medidas a levar a cabo céntranse no desenvolvemento de proxectos formativos para novos traballadores, “a través da próxima iniciación de tres cursos con compromiso de colocación para uns 50 demandantes de emprego”, tal e como destacou o conselleiro de Traballo na súa intervención.

Nese senso e segundo o protocolo asinado, Vegalsa-Grupo Eroski, asume que os traballadores que se incorporen á empresa dende os cursos de formación ocupacional con compromiso de contratación, terán unha vinculación laboral por medio dun contrato indefinido inicial e, ao mesmo tempo, incorporará demandantes de emprego pertencentes aos colectivos en risco de exclusión social, a mulleres víctimas da violencia doméstica e desempregados con discapacidades, na medida das súas posibilidades.

A sinatura deste protocolo forma parte do plan estratéxico 2005-2008 de Vegalsa-Grupo Eroski que contempla, ademais da creación de 2.000 postos de traballo directos, un impacto de 570 emprego indirectos e, para a construcción dos seus establecementos, a ocupación de 5.400 postos de traballo. Así mesmo, prevé un incremento da facturación das empresas galegas provedoras nun 53,5%.

O titular de Traballo eloxiou a filosofía de empresa de Vegalsa-Grupo Eroski, á que definiu como “unha empresa socialmente responsable”, xa que “tendo claro que o seu obxectivo é obter beneficios, establece uns valores na relación cos seus traballadores e no seu entorno, busca solucións aos problemas de integración laboral de determinados colectivos e está apostando polo emprego estable e de calidade”. Así mesmo o conselleiro fixo fincapé no feito de que o 72,5% do seu cadro de persoal sexan mulleres e que estas representen case o 73% de toda a plantilla, así como que dos 3.300 traballadores, case 2.600 sexan fixos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia