Skip to main content

O galego comparte espazo con outras 60 linguas do mundo no Salón Expolangues de París

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asistiu a inauguración de Expolangues, unha feira internacional de linguas e culturas na que participan representantes de 60 linguas do mundo.

A Xunta de Galicia está presente na mostra cun expositor atendido por representantes da Secretaria Xeral de Política Lingüística no que os visitantes poden atopar información sobre a lingua galega, a súa historia e a súa situación actual. Ademais, repartiuse material relativo aos obxectivos e sectores do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e sobre todo informouse aos numerosos visitantes que pasaron polo expositor da Xunta sobre as posibilidades de aprendizaxe do galego no exterior.

A través dunha proxección audiovisual cunha breve historia da lingua galega e do seu uso na actualidade, o espazo da administración autonómica espertou o interese de numerosos profesionais do ensino de linguas, que se achegaron a coñecer os diversos materiais sobre o galego existentes na Expolangue.

A organización deste salón prevé a visita ao mesmo de máis de 20.000 visitantes, que poderán percorrer os 200 expositores instalados, con información sobre estadías lingüísticas no estranxeiro, sociedades de multimedia, editores de métodos de lingua, embaixadas, centros culturais de distintos países, intérpretes, eta.

O idioma alemán é o convidado de honra deste ano, polo que nas actividades paralelas á feira prestaráselle especial atención. Nese programa paralelo, a nosa lingua será tamén protagonista. Mañá xoves celebrarase unha clase de galego impartida pola lectora Olga Nogueira, que desenvolve a súa actividade na Universidade da Sorbona.

Visita ao Centro de Estudos Galegos

A secretaria xeral de Política Lingüística aproveitou a súa estadía en París para visitar o Centro de Estudos Galegos na Universidade da Sorbona, onde mantivo unha xuntanza co coordinador do centro, Eric Beaumatin, e coa lectora Olga Nogueira. Na actualidade existen seis grupos de alumnos que aprenden lingua, literatura e cultura galega nesa universidade, e tamén se ofertan clases de galego no Instituto Cervantes de París.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística