Skip to main content

O presidente da Xunta defende a necesidade de reformar o Estatuto para que siga a ser un motor de crecemento da cidadanía, de modernización e de autogoberno eficaz

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, defendeu a necesidade de acometer a reforma do Estatuto de Autonomía para poder adaptalo “ás novas realidades” e garantir que a norma básica de Galicia “siga sendo un motor de crecemento da cidadanía, de modernización e de autogoberno eficaz en todos os ámbitos”. O máximo mandatario galego salientou a “estreitísima vinculación” que existe entre o autogoberno, a democracia e a carta magna, polo que insistiu unha vez máis en que a revisión estatutaria de Galicia será “democrática, consensuada e constitucional” pois só dese xeito poderá dar resposta “á vontade das galegas e dos galegos”.

Emilio Pérez Touriño realizou estas consideracións durante a súa intervención na inauguración da exposición 25 anos de Estatuto. O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, promovida pola Fundación Iniciativas 21 para conmemorar o aniversario da aprobación da norma básica da comunidade e para homenaxear o traballo das persoas “que loitaron por Galicia e pola súa autonomía”.

No seu discurso, o presidente lembrou o “pluralismo político e ideolóxico” que caracterizou o movemento galeguista dende os seus inicios, diversidade que non lles impedía coincidir “na necesidade de que Galicia dispuxese dunha autonomía política capaz de garantir a pervivencia da súa identidade, da súa lingua e da súa cultura”, tres elementos que foron forxando a identidade de Galicia “sen ter que inventar inimigos que a fixeran forte e definida”.

Momentos decisivos

No desenvolvemento desa conciencia política, Pérez Touriño salientou dous momentos decisivos: o Estatuto de 1936 e o de 1981. Neste último, remarcou a data do 4 de Decembro de 1979, na que “milleiros de galegos, unidos por unhas mesmas ansias, saíron á rúa en demanda de autonomía para Galicia”. Esa demanda fraguou nos Pactos do Hostal, que deron lugar ao texto aprobado finalmente. “Aqueles Pactos do Hostal foron exemplares pola capacidade de negociación, diálogo e consenso que despregaron as forzas políticas que participaron na súa xestación”, incidiu.

O presidente remarcou que foi a loita a prol dunha España “constitucional, democrática e respectuosa coa riqueza e diversidade das súas identidades políticas e culturais” a que permitiu a autonomía de Galicia. “Por iso hoxe, cando nos dispoñemos a adentrarnos nun proceso de revisión e reforma do Estatuto de Galicia, temos que ter presente esta estreitísima vinculación entre autogoberno, democracia e Constitución”, argumentou o presidente, quen aseverou que será a Carta Magna a que faga posible a reforma do Estatuto vixente.

Por iso, o presidente insistiu en que a revisión do Estatuto galego será “democrática, consensuada e constitucional”, de xeito que dea “resposta axeitada” á vontade dos galegos e ás “novas realidades” xurdidas nestes 25 anos. Só así, concluíu Emilio Pérez Touriño, o Estatuto poderá seguir sendo “un motor de crecemento da cidadanía, de modernización e de autogoberno eficaz en todos os ámbitos”.

Finalmente, o máximo mandatario galego felicitou á Fundación Iniciativas 21 polo “magnífico traballo” desenvolvido na organización da exposición conmemorativa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia