Skip to main content

Intérpretes da Comisión e do Parlamento Europeo recibirán formación en lingua galega

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mantivo unha xuntanza en Bruxelas cos responsables das cabinas de interpretación de español no Parlamento Europeo e na Comisión Europea, Dolores Prados e Manuel Valdivia, para concretar a próxima celebración de distintas actividades formativas destinadas á aprendizaxe de galego dos intérpretes das institucións europeas. Na xuntanza acordouse organizar un curso para garantir que as intervencións dos deputados e doutros cargos políticos galegos se traduzan ás diferentes linguas oficiais na Unión Europea.

Outra das posibles actividades que se tratou foi a celebración dun curso intensivo de lingua e cultura galega, tamén destinada aos intérpretes, e que tería lugar en Santiago durante o mes de agosto.

Na súa estadía en Bruxelas, a secretaria xeral de Política Lingüística reuniuse tamén co director do Instituto Cervantes na capital belga, Francisco Ferrero. Este amosou a súa total disponibilidade para organizar no centro cursos de galego destinados ao público en xeral. Nese sentido, trabállase na actualidade na formalización dun acordo de colaboración co Cervantes que permitirá a celebración deste tipo de actividades e de outras relacionadas coa lingua galega.

Marisol López visitou tamén a sede da Representación Permanente de Espana na Unión Europea (Reper), na que foi recibida polo conselleiro de Asuntos Autonómicos, Manuel García Guirado. Neste encontro falaron da necesidade de establecer mecanismos de colaboración para axilizar a atención da UE en lingua galega aos cidadáns que así o requiran, tal e como acordaron o Consello e a Comisión Europea.

Por último, a secretaria xeral visitou a sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, onde foi recibida pola directora da oficina, Ana Ramos, que se vai encargar de axilizar as negociacións para que estes acordos se materialicen.

Clase de galego en París

En París, continúa o Salón Expolangues, dedicado á promoción da diversidade lingüística e á aprendizaxe de idiomas. Este foro abriuse ao gran público, logo da xornada destinada aos profesionais.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está presente na feira cun expositor con información sobre a nosa lingua, e nas actividades programadas en paralelo á exposición organizou unha clase de galego que se encargou de impartir a lectora de lingua galega na Universidade da Sorbona de París, Olga Nogueira. A clase tivo notable afluencia de público e espertou o interese dos asistentes.

Calcúlase que durante os catro días de duración da exposición van pasar por ela máis de 20.000 persoas, o que a converte nun excepcional escaparate para a nosa lingua.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística