Skip to main content

Colocada a primeira pedra da autovía AG-56, que unirá Santiago-Brión

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu o acto de colocación da primeira pedra, que marca o inicio das obras da autovía AG-56 Santiago-Brión. No acto tamén participaron a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e os alcaldes de Santiago, de Ames e de Teo, entre outros.

A autovía Santiago-Brión, de 12,6 quilómetros, unirá estas dúas localidades en seis minutos, se se circula a unha velocidade de 100 quilómetros por hora. Na actualidade necesítanse aproximadamente 20 minutos para facer este percorrido. Na obra está previsto que se constrúa, ademais, un corredor de 3,3 quilómetros, que conectará a nova vía desde o enlace de Pardiñas coa N-550 en As Galanas. Deste xeito será posible ofrecer aos usuarios que accedan a Santiago pola N-550 un itinerario alternativo que salvará a localidade de Milladoiro, que sofre importantes conxestións nas horas punta.

Esta obra permitirá, no momento da súa apertura ao tráfico prevista para 2008, que máis de 25.000 vehículos ao día circulen por autovía entre Santiago e Brión. Esta cifra incrementarase por enriba dos 37.000 no ano 2030, se se teñen en conta os desenvolvementos urbanísticos previstos en Bertamiráns e Brión.

O orzamento destinado a esta obra é de 108.819.254 euros, incluídos os custes das expropiacións e o prazo de execución é de 28 meses. Tanto a construción, como a explotación e o financiamento serán asumidos pola empresa concesionaria. Pola súa banda, a Xunta aboará desde a súa posta en marcha un canon de demanda, que se calcula segundo o nivel de frecuencia da utilización e o número de usuarios, que non terán que aboar ningún tipo de peaxe.

Para a realización destes case dezaseis quilómetros (entre a autovía e o corredor) escavaranse catro millóns de metros cúbicos de terra e serán estendidas máis de 200.000 toneladas de aglomerado. Construiranse ademais oito enlaces que facilitarán o acceso tanto á autovía como ao corredor desde os principais núcleos da zona. Estes enlaces estarán en Pardiñas, dous en Bertamiráns, un en Brión e outro en Biduido, ademais do que haberá no inicio e final da obra.

Para salvar a orografía da zona, así como os distintos obstáculos, como son o río Sar e o tren de alta velocidade, entre outros, vanse levantar 19 viadutos, 12 pasos inferiores e 10 superiores, entre os que se inclúe o que dará paso aos peregrinos ao seu cruce coa nova autovía xunto ao enlace Sur de Santiago. Para a creación de todas estas estruturas necesitaranse máis de 80.000 metros cúbicos de formigón.

O tronco da autovía estará composta por dúas calzadas separadas de sete metros cada unha, con beirarrúa exterior de 2,50 metros e interior dun metro. Ademais o deseño do corredor contémplase a posibilidade dun desdobramento no futuro. Neste tramo, neste momento, vaise executar unha calzada con dous carrís de 3,50 metros (un en cada sentido) e beirarrúas de 2, 50 metros.

Esta actuación en materia de infraestruturas é considerada pola Xunta como unha obra fundamental porque dota á capital da Comunidade Autónoma dunha vía de alta capacidade que conecta os núcleos de poboación do seu contorno. Esta vía non beneficiará unicamente aos 132.996 habitantes dos municipios que atravesa, senón que tamén mellora considerablemente a conexión con Noia, que conta con gran afluencia turística.

Emilio Pérez Touriño asegura que a nova política de infraestruturas da Xunta se baseará en tres eixes: dotar ao país das infraestruturas que precisa, priorizar a seguridade vial e pagar as expropiacións pendentes

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou, durante o acto de colocación da primeira pedra da Autovía Santiago-Brión, que a nova política de infraestruturas do Goberno que preside se caracterizará por dotar ao país da rede de infraestruturas que precisa; por priorizar a seguridade vial; e por efectuar o pago aos afectados das expropiacións aínda pendentes.

“O compromiso que quero asumir en nome da Xunta e da propia Consellería é pois triplo: facer unha política capaz de que este país teña as infraestruturas que necesita ter -moitas das cales aínda non as ten- para superar os atrancos de mobilidade que en gran parte das zonas máis dinámicas e costeiras do país estamos a sufrir e padecer aínda; en segundo lugar, priorizar os esforzos por garantir a seguridade vial, comprometendo a toda a sociedade, a Administración do Estado e aos propios usuarios; e en terceiro lugar, pagar as expropiacións, o que significa destinar cuantiosos recursos. Pero por aí queremos comezar e pronto creo que poderemos anunciar medidas en cumprimento do que hoxe lles anuncio”, salientou o máximo mandatario autonómico.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego comprometeuse coa cidadanía a elaborar un Plan de Infraestruturas de Galicia no presente exercicio, o 2006, para que Galicia conte cun instrumento de ”programación e planeamento”, aprobado polo seu Executivo e debatido en Cámara parlamentaria, “sustentado, pois, conxuntamente pola sociedade”, e do que tamén será informada a Fegamp e, polo tanto será “concertado tamén cos concellos”.

“Galicia necesita dun instrumento de reequilibrio, de programación e de planificación territorial e vaino ter no que a infraestruturas se refire”, remarcou Emilio Pérez Touriño, lembrando a importancia da rede de infraestruturas para dar mobilidade ás zonas máis cargadas e dinámicas, con máis densidade de tráfico, pero tamén na función de cohesión e vertebración dun país.

Neste sentido, o presidente da Xunta fixo fincapé na necesidade de dotar a Galicia da rede de infraestruturas que precisa. “Queremos cambiar o estilo, o modo e a maneira de xestionar a política de infraestruturas en particular”, salientou Touriño, posto que precisamos “priorizar, e ver onde e como queremos investir os recursos públicos”.

“Creo que este é un primeiro cambio que ofrezo e comprometo a este país: queremos abandonar os rosarios de promesas incumpridas, os anuncios sen contido e as postas de primeiras pedras que non son primeiras pedras, senón anuncios meramente publicitarios”, –dixo referíndose aos continuos retrasos que sufriu a autovía Santiago-Brión ao longo dos últimos dous anos-. “Creo que a cidadanía dun país merece, sobre todo, respecto e cumprimento da oferta e do compromiso dun goberno”, engadiu.

Así mesmo, o titular do Executivo autonómico referiuse a un segundo compromiso que vai asumir o Goberno que preside en materia de infraestruturas: asumir o reto de reducir os índices de sinistralidade nas estradas galegas e mellorar a seguridade vial.

Neste sentido, Emilio Pérez Touriño lembrou que a Comunidade galega ten un elevado déficit en materia de sinistralidade e seguridade vial que ás veces é o resultado de comportamentos “non razoables” por parte dos condutores, de aí que considere necesario incidir na educación en seguridade vial; pero tamén é froito do mal estado da rede de estradas. Por iso comprometeuse a apostar “por poñer os recursos alí onde fan máis falla”, aínda que sexa, “probablemente onde menos locen electoralmente”, engadiu. “Pero ese é o compromiso que asumo, non facer electoralismo e poñer os recursos no mantemento e na seguridade das estradas de Galicia. Non nos podemos permitir por máis tempo seguir soportando este cancro, este drama familiar, persoal e colectivo da entrega de tantas vítimas”, argumentou. “Por iso –asegurou- imos poñer en marcha, de maneira inmediata, as primeiras medidas, o Plan de Seguridade Vial, no primeiro semestre do ano en curso”.

Por último, o máximo mandatario galego comprometeuse a acometer o pago das indemnizacións pendentes. “A cidadanía merece que prioricemos os seus dereitos. E cando hoxe con satisfacción poñemos a primeira pedra, temos que saber que estaban e están por pagar aínda miles e miles de expropiacións e expropiados por parte da Xunta de Galicia”. Sen embargo, asegurou Pérez Touriño “imos reverter esa situación”, porque “en breve, a Xunta de Galicia vai acometer o pago daquelo que é xusto, que é o pago das expropiacións realizadas e, polo tanto, dos intereses afectados a miles de familias e de veciños de Galicia”.

“Creo que isto é o fundamental e necesario, que os poderes públicos nos temos que comportar dun novo xeito e dunha nova maneira: a seguridade e o pago aos expropiados debe ser a prioridade, xunto coa capacidade de planificar, programar e pór en marcha novas infraestruturas”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia