Skip to main content

Emilio Pérez Touriño pon de manifesto a vontade inequívoca do Goberno de cumprir cos galegos e co expresado no debate de investidura

O máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, resaltou na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta a “vontade inequívoca” de cumprir co expresado no debate de investidura, co prometido ante os electores e co recollido no pacto de goberno. O presidente da Xunta destacou que, efectivamente, o Goberno autonómico está a cumprir coa cidadanía e isto evidénciase nos asuntos abordados hoxe polo Consello.

Así, Touriño fixo fincapé na sinatura do Pacto Local que formalizará co presidente da Fegamp. Trátase, en verbas do titular do Goberno galego, dun acordo que suporá “un avance histórico” xa que ata o de agora, ningunha Comunidade Autónoma española ten iniciado un proceso de “cooperación” e “corresponsabilidade” cos municipios galegos similar ao que iniciará mañá Galicia.

“Significa unha aposta polo municipalismo”, recalcou Pérez Touriño, que posibilitará a “reordenación de competencias” e fortalecerá a “capacidade financeira dos concellos”. Precisamente, segundo argumentou o presidente galego, unha das eivas e limitacións que Galicia posúe como país vén dada pola escasa capacidade financeira dos concellos galegos, o que ten orixinado fortes debilidades e, mesmo, “clientelismos políticos”.

Touriño anunciou un aumento considerable dos recursos económicos aos concellos ata 2009, o que evidencia a aposta a favor da cooperacion local.

Mellor posicionamento de Galicia

Por outra banda, e segundo sinalou Pérez Touriño, o Consello da Xunta tivo ocasión de coñecer un informe preliminar sobre o cumio galaico-asturiano, que se reactiva logo de sete anos de inexistencia. O presidente da Xunta indicou que a participación da Comunidade Autónoma en cumios deste tipo proba a vontade do Goberno galego de acadar un “mellor posicionamento” de Galicia.

Neste sentido, non só e relevante a cooperación con outras autonomías senón tamén o relanzamento exterior da Comunidade Autónoma en foros europeos e iberoamericanos.

O cumio galaico-asturiano celebrarase en Santiago os vindeiros 29 e 30 de xaneiro e no seu marco diferentes representantes dos dous gobernos debaterán sobre asuntos concretos en diferentes mesas sectoriais. “Trataranse temas de alto interese que dean lugar a acordos concretos entre Galicia e Asturias”, indicou Touriño.

Relación cos medios de comunicación

Finalmente, o Goberno da Xunta acordou no Consello a regulación das relacións cos medios de comunicación privados. “É a primeira vez que isto queda regulado”, sinalou o presidente da Xunta, con criterios claros e coa obriga, para a Secretaría Xeral de Comunicación de informar por escrito, con carácter anual, da totalidade dos convenios subscritos cos medios e das súas contías.

Esta regulación obedece á política de transparencia pola que aposta a Xunta e na mesma influirán diferentes criterios básicos tales como o uso do galego normativo por parte das empresas de comunicación, a difusión ou audiencia que teñan os ditos medios, a capacidade de innovación e desenvolvemento tecnolóxico dos proxectos, o soporte específico e a eficacia dese soporte, e as características concretas do proxecto que se faga.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia