Skip to main content

Fabiola Sotelo e Rosa Mujica analizan a situación da educación e os dereitos humanos en Latinoamérica

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, mantivo un encontro con Rosa Mujica, fundadora e directora do Instituto Peruano de Educación en Dereitos Humanos e a Paz e unha das maiores expertas mundiais neste eido.

Nesta xuntanza tiveron ocasión de realizar un primeiro contacto dende que a directora xeral de Cooperación Exterior tomou posesión do seu cargo, no mes de setembro pasado, e analizar a situación da educación, a paz e os dereitos humanos en Latinoamérica. Na audiencia tamén participaron a Responsable do Departamento de Implantación Territorial da ONGD Entreculturas, Sonia Jadraque, e o delegado provincial desta entidade na Coruña, José Luis Presedo.

A educación para o desenvolvemento e a paz sitúase dentro dos “obxectivos prioritarios” da actuación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Trátase de fomentar mediante diversas vías de acción o fortalecemento dos dereitos que deben asistir a todas as persoas con independencia da súa orixe étnica, clase social, xénero ou relixión.

Fabilola Sotelo e Rosa Mujica falaron dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que o Goberno galego está a desenvolver en Perú e das necesidades de traballar en formación para erradicar a violencia familiar e as diferencias de xénero.

Segundo indicou Mujica na xuntanza, a institución que dirixe está centrada na formación de profesores para achegarse a través de eles á educación dos nenos e nenas peruanos e, por extensión, as súas familias e a comunidade toda. O Instituto Peruano de Educación en Dereitos Humanos e Paz,. proponse mellorar os procesos educativos mediante formación teórica e para forzar, mediante a súa implantación, sobre todo no medio rural, os dereitos infantis e sociais no seu conxunto.

Rosa Mujica

Rosa Mujica é peruana, fundadora e directora do Instituto Peruano de Educación en Dereitos Humanos e a Paz, así como coordinadora da Rede Latinoamericana Paz e Dereitos Humanos do Consello de Educación para Adultos para América Latina (CEAAL). Ten impartido conferencias sobre estes temas na práctica totalidade de países latinoamericanos, en España, Suíza, Portugal e Alemaña.

Entre as actividades que está a desenvolver estes días en Galicia, Mujica participou onte na presentación organizada por Entreculturas do informe Xustiza educativa e xustiza económica: 12 teses para o cambio educativo elaborado por Rosa María Torres, directora do Instituto Fronesis de Arxentina. Este estudo repasa os principais fundamentos sobre os que se basea o actual modelo educativo latinoamericano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia