Skip to main content

O presidente da Xunta asegura que 2006 será o ano en que Galicia entre no século XXI no terreo da calidade e a renovación democrática

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, manifestou o seu obxectivo de converter 2006 “no ano en que Galicia entre de verdade no século XXI no terreo da calidade e a renovación democrática”. Para logralo, anunciou que neste primeiro trimestre o Goberno que preside levará ao Parlamento ás leis de Transparencia, Publicidade Institucional e Subvencións, un conxunto de medidas para garantir “transparencia, equidade e eficiencia na relación entre o poder político e a cidadanía”.

Nunha entrevista na Cadea SER, o presidente da Xunta de Galicia dixo estar “razoablemente satisfeito” co labor desenvolvido dende que o seu Executivo asumiu as tarefas de Goberno, se ben considerou que “o mellor está por chegar” pois “temos un potencial inmenso neste país para converter 2006 no ano en que Galicia de verdade entre no século XXI no terreo da calidade democrática e a renovación democrática, do país, unha nova forma de gobernar”.

Como exemplo dese novo modo de gobernar e entender a política, o presidente galego referiuse ao “gran pacto local” firmado esta semana coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). “En apenas cinco meses de goberno fomos capaces de arbitrar un Pacto Local que significa un cambio en profundidade para que os concellos teñan autonomía, teñan recursos e non dependan clientelarmente da Xunta de Galicia”, explicou. Tamén se referiu aos cambios nas relacións entre as forzas con representación no Parlamento de Galicia, pois este ano, “por primeira vez” se aprobaron uns presupostos “escoitando e incluíndo unha parte importante e significativa das aportacións da oposición”.

Rexeneración

Para avanzar nesa liña, Emilio Pérez Touriño anunciou a remisión ao Parlamento neste primeiro trimestre do 2006 das leis de Transparencia, de Publicidade Institucional e de Subvencións, “todo un conxunto de medidas que garanten a transparencia, equidade e eficiencia na relación entre o poder político e a cidadanía” e que cumpren co obxectivo de modernización e de “rexeneración democrática” do Goberno do cambio.

O presidente do Executivo galego salientou que o seu Goberno caracterízase por poñer o acento na resolución dos problemas da sociedade. “Este Goberno se está preocupado por algo fundamentalmente é polos problemas reais da cidadanía. Por iso as medidas sanitarias, de educación, as medidas de apoio ás familias, as medidas de impulso ao benestar forman parte central da preocupación do goberno que presido”, manifestou Emilio Pérez Touriño, quen considerou que pese aos pasos dados “o mellor está por chegar”.

O máximo mandatario galego sinalou que o seu Goberno tivo que facer fronte a unha herdanza “importante”, tanto nos aspectos positivos como negativos. Así, indicou que ao asumir as labores executivas, o Goberno galego “tivo que parar” o proceso das fundacións sanitarias, frear “o desorde e o caos urbanístico” e facer fronte ao pago das expropiacións pendentes, para o que tivo que habilitar unha partida de 14,5 millóns de euros para resarcir as débedas contraídas con máis de 3.200 afectados “lesionados nos seus intereses”, ao tempo que se tivo que pór freo ao “dano” que se lle estaba facendo aos nosos recursos naturais coa explotación que se estaba a facer dos mesmos.

Dispoñibilidade plena ao diálogo

Respecto ao cambio na Presidencia do PP, o xefe do Executivo galego amosou a súa disposición a manter unha entrevista “de maneira inmediata” con Alberto Núñez Feijóo. Ao respecto, lembrou que o mesmo día que saíu elixido como novo líder dos populares galegos, púxose en contacto telefónico e ofreceulle “dispoñibilidade plena” para empezar a dialogar, o que volverá facer esta semana.

Nese sentido, salientou que a dispoñibilidade ao diálogo é un feito que caracteriza ao Goberno que preside, con independencia das cores políticas. “O diálogo estámolo facendo dende o primeiro día, cando a Fegamp, onde hai un número amplísimo de concellos gobernados polo PP, a min non me tremeu a man para que os municipios galegos teñan máis recursos, máis capacidades. O diálogo non se pode facer cunha mentalidade partidaria e sesgada, senón sabendo distinguir ben o que debemos buscar, que son acordos de país”, salientou o presidente da Xunta,, que concluíu reiterando que Galicia ten que ser un “espazo para unión e para a cooperación”. “Quen teña a vontade de unir a Galicia e de cooperar en Galicia terá no presidente a man tendida para acordar todo o que sexa necesario en beneficio de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia