Skip to main content

O conselleiro de Economía reúnese en Luxemburgo con dirixentes do Banco Europeo de Investimentos

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reúnese con membros do Banco Europeo de Investimentos (BEI) co obxectivo de analizar as posibilidades de financiamento das obras recollidas no plan de investimentos da Xunta de Galicia para os próximos anos e explorar novas liñas de colaboración coa institución financiera europea. Durante a xornada, que se celebra na sede do BEI en Luxemburgo, o conselleiro está acompañado polo director xeral de Política Financeira e Tesouro, Eugenio García Lalinde, e polo director xeral de Xesgalicia, Alvaro Álvarez Blázquez.

As reunións de traballo previstas pola delegación galega inclúen unha entrevista coa Vicepresidenta da institución financiera, Isabel Martín Castellá, un encontro co director executivo de xestión do Fondo Europeo de Investimentos (FEI), James Carpenter, e unha reunión con directivos das áreas de préstamos do BEI. O obxectivo destes encontros é a análise das condicións de financiamento dos proxectos recollidos poloa Xunta de Galicia nos seus orzamentos e que son susceptibles de financiamento por parte do banco. O BEI é un organismo que ten como misión colaborar no financiamento de proxectos de investimento que promovan a integración europea, o desenvolvemento equilibrado, a cohesión económica e social e unha economía innovadora baseada no coñecemento. Na elección dos proxectos que respalda o BEI priman aspectos como promover a competitividade das industrias europeas e as pequenas empresas; a creación de redes transeuropeas de transporte, telecomunicacións e enerxía; ou o impulso do sector da tecnoloxía da información, a protección ao medio ambiente natural e urbano, e a mellora dos servizos sanitarios e de educación.

Igape e Xesgalicia

No caso do Fondo Europeo de Investimentos, creado en 1994 e participado mayoritariamente polo BEI, a institución orienta a súa actividade ao financiamento de investimentos en pequenas e medianas empresas (pemes) a través de intermediarios e está especializado nos ámbitos de capital risco e garantías. No primeiro caso, o FEI inviste en fondos de capital risco mentres que no segundo, facilita garantías a institucións financeiras para cubrir os seus préstamos a pemes. A Consellería de Economía e Fachenda, da que depende a xestora de fondos de capital risco Xesgalicia, analizará cos responsables do FEI as posibilidades de colaboración e intercambio entre os seus intrumentos financeiros co obxectivo de facilitar e promover vías competitivas de financiamento para o conxunto das empresas galegas ou con interese en acometer investimentos en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia