Skip to main content

Touriño considera un gran paso o acordo sobre o Estatuto de Cataluña porque supón unha aposta a favor de máis autogoberno, máis autonomía financeira e de recoñecemento máis pleno da identidade nacional

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o acordo sobre o Estatuto catalán supón “un gran paso” para a España autonómica, para Cataluña, para Galicia e para todas as comunidades porque representa unha aposta a favor “de máis autogoberno para as comunidades, máis autonomía financeira e de recoñecemento máis pleno da identidade nacional”. O máximo mandatario galego salientou que co acordo ábrese “unha expectativa de esperanza de renovación e de modernización” da España autonómica, así como un camiño para a reforma estatutaria de Galicia.

Nunha entrevista concedida á Cadea SER, Emilio Pérez Touriño considerou positivo o acordo pechado onte entre o presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, e o presidente de CiU, Artur Mas, porque constitúe unha aposta pola modernización e renovación da España autonómica que beneficiará o avance das demais reformas estatutarias pendentes. “Que haxa un acordo e que se abran as bases para que avance e saia adiante a reforma do Estatuto de Cataluña é unha aposta a favor de máis autogoberno para as comunidades autónomas, máis autonomía financeira e de recoñecemento máis pleno da identidade nacional. Esa é unha reivindicación tamén dende Galicia”, comentou o presidente, quen salientou o feito de que o acordo se logre “dende o respecto á Constitución e ás garantías de cohesión e solidariedade”.

Sentemento maioritario

Se ben indicou que é necesario coñecer o detalle do acordo acadado onte sobre o proxecto estatutario catalán, o xefe do Executivo autonómico considerou positivo o paso dado porque mellora a integración e o encaixe de Cataluña en España ao dar recoñecemento á “identidade nacional” desa autonomía “nunha definición no termo nación que non é recollida no texto do articulado pero si referida no preámbulo reflectindo aquelo que senten a inmensa maioría dos cataláns”. Tamén salientou as melloras no sistema de financiamento, mais lembrou que “deberán ser acordadas no ámbito multilateral de todas as comunidades autónomas”. “O acordo sen dúbida abre un paso que sen dúbida beneficiará o avance das demais reformas, será positivo para Galicia, para Cataluña e para toda España”, remarcou.

En canto á reforma estatutaria de Galicia, Emilio Pérez Touriño sinalou que o vindeiro mes de febreiro porase en marcha na Cámara autonómica a ponencia que deberá abordar a revisión da nosa norma básica. Así, reiterou que debe ser este foro e as tres forzas presentes nel as que deben acordar a mellor fórmula para definir “o que deba ser o estatuto para Galicia”. Non obstante, manifestou que a fórmula empregada para Cataluña é “case literalmente semellante á fórmula que nas bases presentadas polo Partido Socialista de Galicia no seu día figuraba”, que figura no preámbulo. “Creo que é unha fórmula pero aquí teremos que ensaiar o noso propio camiño. É unha fórmula que abre perspectivas, que pode ser unha referencia positiva. O Estatuto catalán claramente é unha aposta por satisfacer un grao de sentimento de identidade nacional que é perfectamente compatible coa constitución e que polo tanto nós respectamos”, expresou.

Reto acadable

O presidente do Goberno galego lamentou que ao longo da historia as forzas políticas da comunidade nunca foran capaces de acadar unha posición de acordo para “sacar adiante” o Estatuto, polo que instou ás tres forzas con representación no Pazo do Hórreo a enfrontar e acadar ese “reto”. “Temos diante de nós o reto e a posibilidade de facelo. Creo sinceramente, teño a convicción plena que co concurso das tres forzas políticas parlamentarias Galicia vai reformar o seu Estatuto no acordo e no consenso e mellorando amplamente a capacidade de financiamento , a capacidade de autogoberno e o recoñecemento da nosa identidade nacional. Creo que esto é posible, é o que temos que facer é o que vamos a facer”, augurou.

Nese sentido, considerou que o Partido Socialista ocupa “un espazo central” que debe servir para actuar como o “cemento capaz de cohesionar e vertebrar unha posición común e compartida das tres forzas”. “Creo que o que nos corresponde é dunha parte, tirar das posición da dereita cara a posicións reformistas e modernizadoras e ancorar tamén as posicións nacionalistas dentro do marco constitucional”, explicou.

En canto os prazos, Emilio Pérez Touriño amosou o seu desexo de que as tres forzas con representación parlamentaria sexan quen de consensuar un novo texto estatutario que se poida remitir ao Congreso dos Deputados antes de finalizar o ano.

QUINTANA INVITA A NÚÑEZ FEIJÓO A INICIAR O DIÁLOGO SOBRE O ESTATUTO MAÑÁ MESMO

Anxo Quintana invitou ao líder do PP galego a iniciar o diálogo sobre o Estatuto “mañá mesmo”. Así respostou o vicepresidente da Xunta, en relación á carta do novo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, na que ofrece diálogo para avanzar no incremento do autogoberno de Galicia e na redacción dun novo Estatuto de Autonomía para o país, unha carta que o líder popular fixo pública nos medios de comunicación.

O vicepresidente da Xunta destacou a urxencia deste diálogo porque Galicia “xa perdeu tempo dabondo” e porque xa era tempo de poñer ao país por diante. O vicepresidente alegrouse de que despois de levar un ano reclamando, por fin o PPdeG se dera conta da necesidade de entablar este proceso.

Quintana congratulouse de que por fin o PP acepte a oferta de diálogo que o BNG lle fixo xa na declaración de Rianxo o ano pasado, un diálogo necesario para poñerse a traballar polo incremento do autogoberno de Galicia e na redacción do novo Estatuto. Por iso, o vicepresidente porase en contacto mañá a primeira hora con Núñez Feijóo coa intención de “se é por min” manter mañá mesmo un primeiro encontro.

A entrevista ten segundo o vicepresidente a maior urxencia posible porque “os acontecementos se precipitan” ante o posible acordo para o Estatut en Cataluña. “Galicia xa perdeu tempo de máis”, sinalou o vicepresidente polo que este encontro para iniciar o diálogo no país ten carácter urxente. Quintana agarda que o ofrecemento do líder popular non sexa un “brindis ao sol” e que sirva para comezar a falar en serio do papel que Galicia ten que xogar no debate aberto no Estado, e para poñerse mans á obra sen condicións previas por parte de ninguén na redacción dun novo Estatuto ambicioso, un Estatuto de Nación que se converta nunha auténtica carta de dereitos e deberes dos galegos e das galegas para o século XXI.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia