Skip to main content

Sanidade aclara dúbidas na súa páxina web sobre o correcto cumprimento da nova Lei do Tabaco

Sanidade recorda que son lugares con prohibición total de fumar os centros e postos de traballo; os organismos do Estado; as instalacións sanitarias así como as instalacións deportivas pechadas e lugares pechados onde se desenvolvan espectáculos públicos; os centros comerciais, grandes superficies e galerías, salvo nos espazos ao aire libre; os centros culturais, bibliotecas e museos; as salas de festa durante o horario no que se permita a entrada a menores de 18 anos; as áreas onde se elaboren, transformen, preparen, manipulen, degusten ou vendan alimentos; os ascensores, elevadores, recintos de caixeiros automáticos e outros espazos públicos de extensión inferior a cinco metros cadrados; os medios de transporte colectivo, vehículos de transporte de empresa, taxis, ambulancias, funiculares e teleféricos; as instalacións e espazos de transporte suburbano, excepto ao aire libre; os medios de transporte aéreo, ferroviario e marítimo e, por último, as estacións de servizo e similares.

Polo que se refire á publicidade do tabaco, prohíbese en todos os medios e soportes. Os titulares dos establecementos deberán retirar a publicidade de tabaco das máquinas expendedoras así como doutros elementos (borralleiros, servilleteiros, paraugueiros, vasos ou carteis promocionais).

Así mesmo, toda a publicidade do establecemento, independentemente do soporte utilizado (anuncios en prensa, guías telefónicas, tarxetas de visita, internet, regalos promocionais, entre outros), deberá explicitar claramente si no local está prohibido ou permitido fumar e, no seu caso, se existen zonas habilitadas para facelo.

Respecto das instrucións para as áreas ou establecementos onde se elaboren, transformen, preparen, degusten ou vendan alimentos, Sanidade recorda que neste tipo de establecementos a prohibición de fumar é total. Considéranse establecementos deste tipo aqueles nos que se elaboren, transformen, preparen, degusten ou vendan, alimentos como por exemplo: panadarías, pastelarías, chacinarías, xamonarías, churrarías, xeadarías e establecementos de venda a domicilio ou similares, aínda que teñan unha zona con mesas para o seu consumo.

Considérase, así mesmo, establecementos deste tipo os bares, cafetarías, restaurantes e outro tipo de establecementos de restauración con cociñas ou áreas de preparación de alimentos sen separación física da zona de comedor ou consumo.

Non se inclúen outros establecementos de hostalaría aínda que sirvan tapas ou comidas se estas son preparadas en áreas independentes da zona de consumo ou comedores, que se rexerán polas normas recollidas nas instrucións para bares, cafetarías, restaurantes e demais establecementos de hostalaría.

Locais de restauración

Respecto das instrucións para bares, cafetarías, restaurantes e demais establecementos de hostalaría Sanidade aclara que, nos locais cunha superficie destinada a clientes que non supere os 100 metros cadrados, o titular do local pode decidir se permite ou non fumar no seu establecemento. Se non permite facelo, nin os clientes nin os traballadores o poderán facer en todo o establecemento. Se permite fumar –so aos clientes-, poderá optar por permitir fumar en todo o local ou nunha parte do mesmo, o que deberá estar debidamente sinalizado.

Nos locais de máis de 100 metros cadrados o titular do local poderá decidir se permite ou non fumar no seu establecemento. Se non o permite, nin os clientes nin os traballadores o poderán facer. Se o permite –so aos clientes-, terá que habilitar unha zona de fumar, que deberá cumprir os requisitos esixidos por Lei (non ocupar máis do 30 por cento da superficie, estar sinalizada, separada fisicamente e completamente compartimentada, con sistema de ventilación independente, e prohibida a entrada a menores de 16 anos). Estas zonas deberán estar separadas e sinalizadas dende o 1 de xaneiro de 2006, aínda que existe un prazo de oito meses para adaptar esa separación e sinalización ao que establece a Lei.

Para o cómputo da superficie útil destinada a clientes excluirase a cociña, o interior da barra, o almacén e outras zonas que sexan de uso exclusivo dos traballadores.

Nos bares, cafetarías ou restaurantes ubicados no interior de centros comerciais non se poderá fumar –independentemente da superficie-, agás que se habilite unha zona para fumadores que deberá situarse no interior do local e nunca poderá habilitarse nos corredores e espazos comúns do centro.

Nos hoteis, hostais ou establecementos análogos pódese reservar ata un 30 por cento das habitacións para hóspedes fumadores. Así mesmo, poderán habilitarse zonas para fumadores –non superior ao 30 por cento-.

En ningún caso as zonas habilitadas para fumar poderán superar os 300 metros cadrados.

Sinalización

Respecto da sinalización, todos os locais de hostalaría deberán estar debidamente sinalizados. Deste xeito, nos accesos aos locais deberá figurar un cartel no que se indique a prohibición ou autorización de fumar, así como da existencia de zonas habilitadas para fumar –se é o caso-, de modo que sexa claramente visible dende o exterior do local.

Transitoriamente, e en tanto non se desenvolva regulamentariamente esta Lei, os modelos provisionais de carteis de sinalización poderán ser descargados na páxina web da Administración sanitaria, no apartado da Dirección Xeral de Saúde Pública, http://dxsp.sergas.es, ou solicitalos nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade. No que atinxe ás máquinas expendedoras de tabaco deberán estar debidamente sinalizadas na parte frontal.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia