Skip to main content

O programa Escolas Viaxeiras permitirá a 540 escolares galegos ampliar os seus coñecementos visitando outras comunidades

A Consellería de Educación vén de facer pública, a través da orde recollida no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 18 de xaneiro, a selección dos centros de Galicia que participarán na actividade de escolas viaxeiras no ano 2006. Así, un total de 36 grupos de alumnos de 4º, 5º e 6º de educación primaria percorrerán, xunto con outros dous grupos doutras comunidades, ao longo dunha semana, unha ruta doutra zona distinta á do seu domicilio habitual.

A través da orde publicada no DOG o 8 de novembro de 2005 convocáronse un total de 540 axudas, distribuídas en 36 grupos, para participar nesta actividade, coa que a Administración educativa galega pretende facilitar aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar.

Deste xeito, propiciarase a convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ao tempo que os escolares ampliarán os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos. Esta actividade desenvólvese desde Galicia a outras comunidades e viceversa.

As escolas viaxeiras levaranse a cabo en dúas quendas: a primeira entre o 28 de marzo e o 12 de xuño, e a segunda entre o 26 de setembro e o 27 de novembro. Os alumnos participantes irán acompañados por un profesor do seu centro, preferiblemente o titor correspondente ou, se é o caso, por un mestre dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos. Antes de iniciar a actividade, cada grupo elabora un caderno de traballo na aula que será utilizado posteriormente durante a súa estancia noutra Comunidade Autónoma.

Cada grupo de quince alumnos desprázase ata a cabeceira da ruta (lugar onde está a residencia) que vai percorrer en ferrocarril, sendo substituído este medio polo transporte aéreo ou marítimo no caso das rutas de Canarias ou Baleares, sen que isto supoña custo algún para o alumnado. Así, os alumnos recibirán axudas que irán dos 960 aos 3.072 euros dependendo da ruta que vaian percorrer. Ademais, o aloxamento e manutención nos centros de acollida son tamén gratuítos, e os riscos que se puideran producir están cubertos por unha póliza de seguros.

Fomento da convivencia entre os alumnos

Unha vez que o grupo chega á cabeceira da ruta únese a outros dous grupos procedentes tamén de zonas distintas á que van percorrer, cos que convive durante a semana de duración da experiencia. Deste xeito, favorécese a convivencia e a cooperación entre os alumnos, aceptando as súas diferenzas culturais e lingüísticas e potenciando o desenvolvemento das capacidades individuais.

Por outra banda, a Administración educativa galega busca, a través desta actividade, que os alumnos acaden un adecuado nivel de coñecementos e comprensión integral da comunidade visitada, ao tempo que se crean nos escolares hábitos e actitudes positivas de defensa e conservación do contorno e do patrimonio. Ademais, este programa procura o desenvolvemento e a utilización dunha metodoloxía activa e participativa de profesores e alumnos, ampliando o ámbito de actuación da escola.

Esta iniciativa permite, á súa vez, potenciar o protagonismo do docente como figura activa do currículo, ofrecéndolle a posibilidade de participar no deseño e experimentación de novas formas de aprendizaxe. O desenvolvemento da personalidade nas súas dimensións individual e social e outro dos obxectivos que persegue esta actividade, isto é, a participación dos alumnos nunha escola non homoxeneizadora que favoreza a convivencia rexional. Á súa vez, escolas viaxeiras trata de inculcar nos nenos o respecto á pluralidade lingüística e cultural de España a través do coñecemento e a comprensión dos distintos pobos que a constitúen.

Dúas quendas

Os escolares de Galicia que participan na presente edición de Escolas Viaxeiras percorrerán, na primeira quenda, de marzo a xuño, as rutas seguintes: Tenerife, Baleares, Madrid, Comunidade Valenciana, Extremadura, Soria, La Rioja, Navarra, Aragón, Cataluña, Navarra, Salamanca, Soria, e Andalucía Orienta.

Os centros que participarán nesta primeira fase son o CEIP Rogelio García Yáñez, de Ramirás (Ourense), o CEIP Nosa Sra. Das Dores, de Forcarei (Pontevedra), o CEIP San Miguel de Reinante, de Barreiros (Lugo), o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro (A Coruña), o CEIP Padre Crespo, de Xunqueira de Ambía (Ourense), e o CPR Jorge Juan, de Fene (A Coruña)

Ademais, tamén visitarán outras Comunidades Autónomas entre os meses de marzo e xuño o CEIP Sta. Rita de Galdo, de Viveiro (Lugo), o CEIP Emilio Navasqués, de Outes (A Coruña), o CPI Atios, de Valdoviño (A Coruña), o CPI Tino Grandío, de Guntín (Lugo), o CEIP de Luíntra, de Nogueira de Ramuín (Ourense), o CEIP Mestre Pastor Barral, de Melide (A Coruña), o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle (Ourense), e o CEIP dos Blancos, de Os Blancos (Ourense).

Para a segunda quenda foron seleccionados 22 centros, que percorrerán, entre o 26 de setembro e o 27 de novembro, as rutas de Navarra, Cataluña, País Vasco, Toledo, Comunidade Valenciana, Murcia, Navarra, Soria, Andalucía Occidental, Burgos, La Rioja, País Vasco, Salamanca, Aragón, Andalucía Occidental, Extremadura e Madrid.

Os centros que participarán na segunda quenda do programa son o CEIP Irmáns Villar, de Ourense, o Centro Caixa de Aforros, de Vigo, o CPR Pablo VI Fátima, de A Rúa (Ourense), os CEIPs Campolongo e Manuel Vidal Portela, de Pontevedra, o CPI Doctor López Suárez, de Friol (Lugo), o CPR Sagrado Corazón, de Celanova (Ourense), o CPR Guillelme Brown, de O Pereiro de Aguiar (Ourense), o CEIP de Casas, de Lugo, o CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla (Lugo), e o CEIP de Arzúa.

Ademais, tamén foron seleccionados para viaxar fóra de Galicia o CPR Sagrado Corazón, de O Carballiño (Ourense), o CEIP de Roxos, de Santiago, o CEIP San Bartolomé, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), o CEIP Virxe do Carme, de Burela (Lugo), o CPR Bouza Brei, de Vigo, o CEIP O Areal, de Camariñas (A Coruña), o CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco de Valdeorras (Ourense), o CEIP nº 1 de Foz (Lugo), o CEIP Monterroso nº 1 (Lugo), o CEP Xesús Ferrol Couselo, de Valga (Pontevedra), e o CEP de Caldelas, de Tui (Pontevedra).

Criterios de selección

A selección dos centros participantes no programa Escolas Viaxeiras realizouse tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situado o centro docente, coa fin de dar preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios. Ademais, valorouse se o centro participou nesta actividade en anos anteriores, co obxectivo de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron.

Coa fin de que a Consellería de Educación poida efectuar o seguimento e avaliación deste programa, os centros participantes deberán redactar, logo da realización da viaxe, unha memoria de avaliación que posteriormente enviarán á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa do departamento autonómico. Este documento deberá recoller os obxectivos acadados nesta actividade, as características do grupo e as actividades programadas.

Ademais, a memoria incluirá un diario da viaxe e unha valoración dos resultados, onde se plasmarán non só os coñecementos adquiridos senón tamén as actitudes suscitadas nos alumnos ao contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais alcanzados polo colectivo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia