Skip to main content

O conselleiro de Medio Ambiente e a Asociación Galega de Graniteiros abordan a elaboración dun pacto ambiental para este sector

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e a Asociación Galega de Graniteiros celebran unha reunión no Centro Tecnolóxico do Granito en O Porriño (Pontevedra) para analizar liñas de colaboración e a consecución dun pacto ambiental para este sector. Nesta xuntanza, abordarase, por ser un asunto prioritario, a xestión dos residuos procedentes da elaboración de rocas ornamentais co animo de definir un operativo sinxelo para o transporte, tratamento e reutilización ou aproveitamento do importante volume de residuos que xera esta industria. Tan só o sector do granito na comarca de Vigo produce cada ano máis de 300.000 toneladas.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente está a elaborar ese plan para a xestión dos residuos producidos pola industria das rocas ornamentais, fundamentalmente polo corte primario de bloques de mármol, granito e asimilados. Considéranse residuos inertes no perigosos e resulta posible o seu aproveitamento en depósitos xeotécnicos, como material de restauración dunha canteira ou como materia prima secundaria. Unha das opcións que se baralla é aproveitar estas serraduras en obras de enxeñería civil.

Manuel Vázquez, coa súa visita do luns a O Porriño, pretende impulsar iniciativas conxuntas co sector do granito similares as que xa está a poñer en marcha cos representantes doutras importantes actividades industriais de Galicia, como son os pizarristas, as conserveiras e os productores de enerxía eólica. O conselleiro quere desenvolver con todos estes sectores iniciativas que fagan compatibles a preservación do medio ambiente coa expansión destas actividades.

O granito ocupa unha praza moi importante na economía galega, dado que representa o 65% do volume producido en toda España. Xera 2.800 empregos directos na comunidade autónoma.

O responsable de Medio Ambiente, tras a súa reunión do luns coa Asociación de Graniteiros, visitará a canteira de Marcelino Martínez no Porriño e a empresa transformadora Granninter.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia