Skip to main content

O presidente da Xunta aposta por unha política cultural que integre e harmonice a preservación da nosa identidade coa apertura ao mundo e a modernización

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, apostou polo desenvolvemento dunha política cultural que conxugue a preservación da nosa identidade coa modernización e a apertura ao mundo. Así, avogou por deseñar unha política que vaia “máis alá” dos “grandes eventos” para centrarse na “vertebración e a creación de tecido industrial” que afortale as industrias culturais propias e difunda os seus produtos fóra de Galicia. Por iso, anunciou a posta en marcha dun Instituto de Cooperación Exterior que terá na acción cultural e na difusión internacional da cultura galega un dos seus principais ámbitos de actuación.

Así o comunicou aos membros do Consello da Cultura Galega (CCG) no Plenario celebrado en Santiago e que Emilio Pérez Touriño presidiu por primeira vez dende que asumiu a Presidencia da Xunta. Na súa intervención, o máximo mandatario galego remarcou o papel “altamente relevante” que os galegos lle outorgan á cultura, como o manifesta a inclusión do CCG no propio Estatuto de Autonomía.

“A cultura, que en Galicia garda unha relación privilexiada, aínda que non exclusiva, coa lingua galega, foi sen dúbida o principal alicerce do rexurdir do sentimento identitario da nosa comunidade”, sinalou o presidente, quen destacou o seu peso “no proceso de recuperación da democracia e do autogoberno iniciado en 1977”

Credibilidade e respecto

Foi ese “importante papel” o que levou a que no proceso estatutario se recollera a creación do Consello da Cultura que, dende o seu nacemento en 1983, se foi convertendo “nun ámbito de traballo e reflexión aberto, plural e independente” que logrou lexitimarse ante a cidadanía “pola credibilidade e o respecto que o seu labor alcanzou no mundo cultural e no conxunto da sociedade galega”.

O xefe do Executivo salientou que nos 23 anos de vida do Consello se produciron “transformacións moi profundas” en todos os campos da cultura, como a posta en marcha dun sector audiovisual de “gran potencial económico”, o desenvolvemento profesional das artes escénicas, a música e as artes plásticas ou a expansión e diversificación do mundo editorial galego. “Isto non significa que estes sectores abandonasen a situación de precariedade estrutural na que se veñen desenvolvendo e que non podemos permitir que se converta en endémica. Tampouco podemos darnos por satisfeitos en canto ás dimensións e penetración do noso tecido de infraestruturas culturais e moito menos aínda no que se refire ao acceso á cultura e á participación na vida cultural de amplas capas da sociedade galega”, aseverou.

Nesta tesitura, o presidente da Xunta comprometeu unha “aposta clara” do Goberno que preside pola diversidade cultural, o afortalamento dos distintos sectores culturais galegos e pola diversificación e internacionalización da cultura galega, “nun movemento que debe ir tanto de dentro a fóra como de fóra a dentro”.

Impulso á modernización

“Fronte ás actitudes entreguistas e ás actitudes pechadas, existe, tamén na cultura, unha vía galega capaz de integrar e de harmonizar a preservación da nosa identidade coa apertura ao mundo, a defensa dos nosos sectores culturais co impulso á súa modernización, a protección de actividades que deben continuar fóra das leis do mercado coa xeración de riqueza e emprego a través da cultura”, enfatizou o titular da Xunta, quen se comprometeu a facer unha “política cultural digna dese nome”. Unha política que, segundo concretou, debe ir “máis alá” do espectáculo e dos grandes eventos, e que debe ser capaz “de vertebrar e de crear tecido cultural”, de apoiar os nosos creadores, de afortalar as nosas industrias, de difundir os nosos produtos e de conseguir que estes sexan apreciados dentro e tamén fóra de Galicia.

Dentro dela, situou a creación dun Instituto de Cooperación Exterior que, “baixo a advocación de Rosalía de Castro”, terá na acción cultural e na difusión internacional da cultura galega “un dos seus principais ámbitos de actuación”. E tamén comunicou que a Consellería de Cultura traballa actualmente na elaboración dun “ambicioso” Plan Nacional de Cultura e que, en breve, a Lei do Libro e a Lectura será remitida ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación, unha lei que, salientou, foi “consensuada con todos os sectores implicados no mundo do libro”.

Finalmente, o presidente gabou o papel desenvolvido polo Consello da Cultura e instou aos seus membros a “dar máis de si”. “Creo que o seu papel debe ser reavaliado, non para mingualo senón, ao contrario, para potencialo e para que desenvolva plenamente as súas funcións de alto organismo consultivo e asesor, concluíu o presidente, quen convidou aos asistentes ao Plenario a “colaborar” na “nova etapa que acabamos de iniciar”.

Listado de asistentes ao Plenario do Consello da Cultura Galega

* Joaquín Arias y Díaz de Rábago, representante da Fundación Barrié de la Maza
* Xosé Ramón Barreiro Fernández, representante da Real Academia Galega
* Senén Barro Ameneiro, representante e Reitor da Universidade de Santiago
* Ramón Castromil Ventureira, membro electivo
* Francisco Díaz-Fierros Viqueira, representante do Seminario de Estudos Galegos.
* Manuel Cecilio Díaz y Díaz, representante do Instituto de Estudos Xacobeos.
* Domingo Docampo Amoedo, representante e Reitor da Universidade de Vigo.
* Francisco Fariña Busto, representante Museos de Galicia
* Víctor Fernández Freixanes, membro electivo
* Andrés Fernández-Albalat, membro electivo
* Francisco Fernández-Rei, representante do Instituto da Lingua Galega
* Blanca Jiménez Alonso, representante da Fundación Penzol.
* Xosé López García, membro electivo
* Henrique Monteagudo Romero, membro electivo
* Santiago Nogueira Romero, representante da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación
* Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, representante do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos
* Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
* Gonzalo Rey Lama, representante da Fundación Rosalía de Castro.
* José María Barja Pérez, representante e Reitor da Universidade de A Coruña
* Francisco Río Barja, membro electivo
* Iago Seara Morales, membro electivo
* Ernesto Viéitez Cortizo, representante da Real Academia das Ciencias
* Ramón Villares Paz, membro electivo
* Ramón Yzquierdo Perrín, representante da Real Academia Galega de Belas Artes
* Alfonso Zulueta de Haz, membro electivo
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia