Skip to main content

A Escola Galega de Administración Pública destinará cerca dun millón de euros á investigación social

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) destinará cerca dun millón de euros á investigación social, o que permitirá que o Goberno obteña un coñecemento máis profundo previo á adopción de políticas polas diferentes consellerías. Así o anunciou o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, logo da primeira xuntanza do Consello Rector desta institución.

Nese sentido, Méndez Romeu indicou que os obxectivos principais desta futura liña de investigación inclúen aspectos coma territorio e sostenibilidade, relacións entre os gobernos e a sociedade, ou sistemas máis eficaces para prestar servizos, entre outros. Un maior coñecemento da realidade social, explicou, axudará na definición de políticas concretas en áreas de benestar que “esixen dispoñer dun conxunto de datos sobre a composición do tecido social, as tendencias e as demandas”. Nembargantes, o conselleiro subliñou que “quedarán expresamente excluídas desta actividade de investigación as análises de tipo electoral por entender que son completamente alleas a un organismo dedicado á Administración Pública”.

Doutra banda, no que se refire ás actividades tradicionais de formación para os funcionarios das administracións públicas levadas a cabo pola EGAP, o titular de Presidencia anunciou a “próxima reforma desta institución para que afecte á formación dos funcionarios da administración de Xustiza”, polo que se transformará de maneira paralela o Centro de Estudios Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA) da Estrada, que pasará a cumprir unha tarefa distinta no momento da creación da Policía Autonómica.

Triple obxectivo da EGAP para 2006

Durante a xuntanza, o director da EGAP, Antonio Izquierdo Escribano, informou aos asistentes de que a “Escola pretende converterse no instrumento adecuado para facilitar que a Administración autonómica acade por medio da innovación, da investigación e da formación” dos empregados públicos a súa finalidade de “prestarlles os servizos aos cidadáns co máximo nivel de calidade e eficiencia”.

No acto presentouse a memoria de 2005, ano no que se levaron a cabo actividades formativas para o persoal da Administración Autonómica e Local e tamén abertas ao público en xeral. Os campos de estudio estiveron relacionados cós ámbitos xurídico, económico, comunitario e lingüístico, e completáronse con materias relacionadas coa área comunitaria e lingüística, ademais de formación específica en contabilidade e informática.

No 2006, segundo explicou Izquierdo, a institución pretende un triple obxectivo: a mellora das organizacións, a satisfacción das expectativas do persoal ao servizo das administracións, e un maior cumprimento das esixencias da cidadanía. Para iso, manteranse as accións de formación realizadas en anos anteriores, e engadiranse algunhas novas adecuadas para as novas necesidades detectadas.

Estatuto de Cataluña

Doutra banda, en resposta a unha pregunta sobre o acordo alcanzado sobre o Estatuto catalán, o titular de Presidencia asegurou “é unha noticia magnífica para a sociedade galega, porque significa practicamente que os principais problemas que podería ter o novo Estatuto de Galicia quedan resoltos”. O conselleiro afirmou que o texto resolve “satisfactoriamente” problemas que levaban meses a debate, sen que haxa “un risco de ruptura de España, senón que polo contrario se admite claramente que a única nación é a nación española, e a carón diso existe no preámbulo do Estatuto un recoñecemento do feito diferencial e do sentimento nacional en distintas comunidades”.

Méndez Romeu destacou ademais que en materia competencial se marca “un teito extraordinariamente interesante”, polo que se abre un horizonte no que en poucos meses pode existir en Galicia un Estatuto “co máximo teito competencial e plenamente rigoroso coa Constitución, como o que vai ser aprobado en Cataluña”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia