Skip to main content

O presidente da Xunta comprométese a estudiar a elaboración dun Plan Director da Área Metropolitana da Coruña

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a estudar a elaboración dun plan director da área metropolitana da Coruña. Touriño, que mantivo unha reunión esta mañá cos alcaldes da comarca da Coruña, explicoulles que o obxectivo deste plan sería o de dar unha resposta coordinada ás actuacións pendentes en materia de urbanismo, infraestruturas viarias, transporte interurbano e solo.

O presidente analizou cos alcaldes as melloras pendentes en materia de saneamento e infraestruturas. En concreto, Emilio Pérez Touriño anuncioulles que a execución da terceira ronda da Coruña comezará antes do verán e amosoulles o compromiso do Goberno con acelerar a conexión dos concellos de Oleiros, Sada, Cambre e Culleredo mediante a chamada vía Ártabra.

O presidente recolleu as demandas dos alcaldes, que lle puxeron de manifesto as dificultades de dar resposta ao crecemento e expansión da comarca coa escaseza de medios en materia de urbanismo. Touriño animounos a actuar coordinadamente en áreas como o transporte interurbano e tratamento de residuos e comprometeu o apoio da Xunta no desenvolvemento da comarca.

Esta reunión celébrase no marco das xuntanzas que está a manter o presidente cos alcaldes de Galicia, dúas veces ao ano. Esta é a terceira xuntanza trala da Mariña e a da Costa da Morte.

Alcaldes asistentes á xuntanza

Á reunión que se celebrou na residencia oficial do Presidente en Monte Pío asistiron os alcaldes do Concello de Bergondo, José Fernández Ramos, de Culleredo, Julio Sacristán de Diego, de Abegondo, Juan José Rocha Carro, de Arteixo, Manuel Pose Miñones, de Cambre, Antonio Varela Saavedra, de Carral, José Luis Fernández Mouriño e de Oleiros, Ángel García Seoane.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia