Skip to main content

Fernando Blanco anuncia que se estudiará a viabilidade de instalar un centro de reparacións do naval en Vigo

O titular de Innovación e Industria, Fernando Blanco, dixo que a Consellería que dirixe encargará un estudo de viabilidade para instalar un centro de reparación naval en Vigo. Blanco afirmou ademais que o sector do naval en Galiza é un sector con futuro, polo que se apostará por el dende o departamento de Innovación e Industria. O conselleiro anunciou a realización do estudo, que sairá a concurso en próximas datas, na visita que realizou xunto co director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, ao estaleiro vigués Freire para supervisar os traballos de construción do Buque Oceanográfico “Sarmiento de Gamboa”. Esta visita institucional é o preámbulo do acto de botadura do barco, que terá lugar o luns día 30 de xaneiro.

O estaleiro vigués Freire estase a encargar da construción do buque –prevista para un período de 24 meses que está a aportar ao estaleiro unha carga de traballo de 180 mil horas-. As dimensións do buque ascenden a 80 metros de eslora e 15,50 metros de manga e a súa actividade principal será realizar campañas de investigación oceanográfica, especialmente en augas do Atlántico –con exclusión das rexións polares-. Tamén disporá de instalacións básicas para diferentes disciplinas mariñas, como a xeoloxía e xeofísica mariña, oceanografía física e hidrografía, oceanografía química e bioloxía mariña e meteoroloxía. Un total de 15 tripulantes encargaranse do acondicionamento e da posta en marcha do buque con capacidade para 25 científicos. A súa operatividade será de 330 días de navegación anuais.

A construción do Buque “Sarmiento de Gamboa” é froito dun convenio de colaboración asinado polo Ministerio de Ciencia y Tecnología (MCYT), o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Xunta de Galicia en decembro do ano 2003. A dotación financeira asignada para esta acción ascendeu a 22 millóns de euros, dos que o MCYT aportou o 59,5% do custo do proxecto (13,09 millóns de euros), o CSIC o 20,5% (4,51 millóns de euros) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, o 20% restante (4,4 millóns de euros).

A iniciativa de construír un barco de investigación oceanográfica remóntase a varios anos atrás, pero non foi ata o ano 2003, a raíz da catástrofe do Prestige, cando o Ministerio de Ciencia y Tecnología considerou a necesidade e a oportunidade de impulsar o proxecto. De feito, unha das características do barco é a súa capacidade para realizar labores de investigación de produtos contaminantes do mar.

A posta en marcha do Buque Oceanográfico “Sarmiento de Gamboa” aportará á comunidade investigadora unha magnífica sé para levar adiante os seus estudos, complementaria á que, dende o ano 1991, se desenvolve no buque oceanográfico Hespérides.

O “Sarmiento de Gamboa” terá a súa base en Vigo e estará ao servizo da comunidade científica no Estado, aínda que a o Goberno galego disporá del durante 45 días ao ano, divididos en dous períodos, de 30 e de 15 días, e dedicados á formación de persoal especializado de institucións, universidades e organismos con sé en Galiza, así como para realizar estudos de carácter oceanográfico aplicado relativos á mellora do coñecemento dos recursos naturais da nosa costa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia