Skip to main content

Fernando Blanco: non estamos dispostos a perder os fondos que nos corresponden do novo Plan do Carbón

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, afirmou en Santiago que “non estamos dispostos a perder novamente os fondos que lle corresponden a Galiza” no novo Plano do Carbón 2006-2012, que se está a negociar entre o Ministerio de Industria e os sindicatos estatais. Fernando Blanco fixo estas declaracións logo de reunirse cos membros da comisión de Industria do Parlamento galego, aos que informou das modificacións realizadas sobre o borrador do plan, que supoñen un recorte dos fondos contemplados no borrador presentado previamente á Consellería.

“Entendemos, afirmou o conselleiro, que novamente se lle están intentando restar a Galiza as cantidades que debería percibir xustamente, nun acordo que non se fai coa transparencia necesaria e co que nós non concordamos”. A Consellería de Innovación e Industria valorara positivamente no mes de novembro o borrador do plan que lle presentara o Ministerio de Industria, e que estimaba uns investimentos de 167,79 millóns de euros, calculados en función da perda de emprego durante os anos 1998-2005 e a previsión para 2006-2012. “Unha serie de elementos, -dixo Fernando Blanco-, que considerabamos positivos para o conxunto de Galiza en canto a investimentos e que garantían tanto uns determinados proxectos empresariais coma un nivel de infraestruturas”.

“A realidade é que unilateralmente -alertou o titular nacionalista- a comunidade de Asturias e os sindicatos negociaron co ministerio modificacións sobre o borrador que lle afectan negativamente a Galiza, reducindo as cantidades que debería percibir”. O conselleiro sinalou que “non nos vale esta negociación que está levando o Ministerio de Industria, primeiro porque non foi capaz de dirixirse a Galiza para falar destas modificacións e, segundo, porque xa perdemos no anterior plan da minería 1998-2005 e non estamos dispostos tamén a saír perdendo no plan 2006-2012”.

Fernando Blanco explicou que no anterior plan do carbón Galiza perdeu 140 millóns de euros, xa que a participación da comunidade nestes fondos foi dun 2,19%, cando a perda de emprego que se produciu chegou ao 8,49%. “O que non se pode marcar son certos obxectivos e despois as fórmulas e os procesos para conseguilos”, indicou Blanco. Segundo o conselleiro, as fórmulas preestablecidas cifraron para o Ministerio uns investimentos de 167 millóns de euros en Galiza, e “dende logo non imos baixar desa cifra porque consideramos que, do contrario, o que se nos está é literalmente roubando o que nos pertence”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia