Skip to main content

O presidente da Xunta activa a posta en marcha da ponencia parlamentaria para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia

“Chegou o momento, abriuse a hora de poñer en marcha a reforma estatutaria. Por iso lle acabo de encargar ao responsable do Grupo parlamentario socialista que poña en marcha o mecanismo político para iniciar o proceso de creación da ponencia no Parlamento de Galicia que deberá acometer a reforma estatutaria”. Este é o anuncio realizado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que se inicie o proceso de reforma estatutaria en Galicia, ao pedirlle ao portavoz do Grupo parlamentario socialista que convoque e se reúna cos demais grupos parlamentarios para poñer en marcha os mecanismos de conformación da ponencia.

Emilio Pérez Touriño salientou que, deste xeito, cumpre co comprometido no Debate de Investidura, de poñer en marcha, no mes de febreiro, unha ponencia no Parlamento de Galicia que abra o proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego sinalou que este proceso que agora se abre se debería de facer, desde un primeiro momento, desde o consenso entre as tres formacións políticas que conforman a Cámara galega. “Creo que non tería sentido que unha parte dos grupos parlamentarios -ou a quinta parte dos deputados, como así o prevé o regulamento- o fagan, senón que o fagamos por acordo os tres grupos parlamentarios e que os tres tomemos a iniciativa de pór en marcha esa ponencia mediante a vía regulamentaria, a que está prevista institucionalmente”, remarcou Pérez Touriño.

En condicións de afrontar a reforma

Na mesma liña, o titular do Goberno autonómico salientou que lle gustaría que en Galicia xa estivese avanzada a reforma estatutaria e que na pasada lexislatura non se perdese o tempo. Sen embargo, dixo que, na actualidade, “estamos en boas condicións” para avanzar na reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. “Temos todo o que temos que ter, capacidade, todo por diante, para afrontar un proceso de reforma estatutaria con válvulas de seguridade importantes”, salientou o presidente da Xunta, incidindo en que “a reforma a temos que facer por acordo” das tres forzas políticas que compoñen o Parlamento. “Galicia pode conseguir o que non conseguiu ningunha Comunidade Autónoma en España: pór en marcha un proceso de reforma estatutaria e acadar a reforma do Estatuto polo acordo unánime de toda a súa representación política, desde a unidade de Galicia”, remarcou Emilio Pérez Touriño.

“Eu creo, estou absolutamente convencido, de que estamos en condicións de conseguir mellorar o autogoberno de Galicia, poñendo ao día as competencias e, en definitiva, conseguindo un Estatuto que nos permita mellorar a prestación dos servizos públicos á cidadanía, incorporar novos dereitos dos cidadáns, xestionar máis e mellor os recursos públicos cos que conta a Comunidade Autónoma”, indicou o presidente da Xunta. “Estamos en condicións de conseguir máis autonomía financeira” e de “avanzar nun mellor recoñecemento, pactado e acordado polos tres grupos, polas forzas políticas democráticas galegas, na nosa propia definición en relación coa nosa identidade nacional”, engadiu Touriño, lembrando que esta tarefa se ten que facer “desde o consenso, desde o diálogo permanente, desde o acordo entre as tres formacións políticas da Cámara galega”.

A Vía Galega

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén avogou porque Galicia desenvolva unha vía propia na reforma estatutaria, a Vía Galega. “O noso Estatuto –salientou Emilio Pérez Touriño- ten que responder a Galicia, ás necesidades de Galicia e, polo tanto –remarcou- non imos facer nin mimetismo nin copia. O estatuto de Galicia deberá responder ás necesidades de Galicia, á cidadanía do noso país, á posición que Galicia ocupa en España e en Europa”. “Ese é o Estatuto que temos que conseguir, o que nos vai vir ben aos galegos e ás galegas e o que lle virá ben á nosa Comunidade”.

Neste mesmo sentido, Emilio Pérez Touriño tamén advertiu que “Galicia non debe dar un paso por detrás” do que acaden outras “nacionalidades históricas”, senón que debe estar no máximo nivel competencial de identidade e de exercicio de capacidade financeira. “Aspiramos ao máximo nivel pero ese nivel o temos que definir en concreto e encadrar dentro do que debe ser a nosa propia perspectiva”, remarcou o presidente da Xunta, lembrando que a reforma estatutaria galega debe avanzar “no autogoberno, en máis autonomía financeira e nun recoñecemento pleno da nosa identidade”.

Valoración positiva do Estatuto de Cataluña

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación o mandatario galego tamén se referiu ao acordo acadado na reforma estatutaria de Cataluña, considerando que “estamos diante dun momento transcendente na nosa historia”. Emilio Pérez Touriño quixo avaliar positivamente dito acordo xa que, segundo salientou, “a ninguén se lle escapa a importancia dese texto e desa reforma, dun bo encaixe de Cataluña e que, á vez, mellore o autogoberno, a identidade e a autonomía de Cataluña”.

“É vital e decisivo que ocorra o que está a ocorrer: que ese acordo se produza de acordo á Constitución e garantindo plenamente a solidariedade interterritorial”, indicou Pérez Touriño, lembrando que “se abre un camiño ao avance na España plural, ao avance da consolidación do Estado das Autonomías que nos beneficia a todos, que beneficia a Cataluña, a España e as demais Comunidades Autónomas, e de maneira moi particular a Galicia, que aspira, e que está comprometida a abrir o seu proceso de reforma neste mes de febreiro en sede parlamentaria, a través da correspondente ponencia”, sinalou.

“Non se confirman os malos augurios, senón o contrario –lembrou Pérez Touriño referíndose á actitude do Partido Popular-, e o acordo que se abre en torno á reforma estatutaria de Cataluña é un avance no autogoberno, na autonomía financeira e no recoñecemento da identidade nacional de Cataluña”.

“Creo que estamos ante a apertura dun proceso extraordinariamente enriquecedor e positivo para a España plural, e polo tanto, para Galicia”, concluíu.

Reunión co presidente do PPdeG

Por último, o presidente da Xunta anunciou que nos “próximos días” se vai reunir co presidente do Partido Popular de Galicia, tal e como lle transmitiu o mesmo día da súa elección como líder do PPdeG, e respondendo á carta que Alberto Núñez Feijóo lle enviou ao presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño sinalou que no encontro, ademais da reforma estatutaria, se van abordar outros temas de especial interese para a Comunidade galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia