Skip to main content

A conselleira de Pesca reuniuse coas traballadoras de Marsac

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Cabirta, reuníronse en San Caetano
con representantes do comité de empresa da conserveira Marsac e do sindicato CC.OO para abordar o conflicto laboral polo que atravesa a factoría dende fai máis de dous meses. No transcurso da xuntanza, Carmen Gallego transmitiu a súa solidariedade ás traballadoras da empresa, xa que é “plenamente consciente da magnitude do problema no que se atopan”. Por este motivo, a conselleira de Pesca comprometeuse a facer todo o que esté nas súas mans para alcanzar unha solución a esta situación aínda que sempre dentro das competencias do seu departamento, e “colaborando coas outras consellerías ás que concerne este asunto”.

Neste senso, Gallego Calvar lembrou que, desde que se celebrou o primeiro encontro entre o director de Estruturas e representantes de Marsac a principios de decembro, a Pesca está a traballar neste tema. A este respecto, a conselleira comunicou aos asistentes que, polo momento, o abono á empresa da axuda comunitaria de 81.000 correspondente ao ano 2005 aínda non se fixo efectivo. Asemade, informou que o seu departamento está á espera dun informe xurídico que estudie a posibilidade de que o grupo conserveiro teña que devolver as subvencións percibidas desde o 2000, ao non cumprir agora coas obrigas que supoñían estas axudas tras paralizar a actividade de Marsac.

Mesa da Conserva

Por outra banda, Gallego Calvar comprometeuse a trasladar a proposta de CCOO de crear unha Mesa da Conserva ao resto de departamentos da Xunta implicados neste sector. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de que neste grupo de traballo participen a patronal e todas as centrais sindicais. O obxectivo desta mesa será analizar a situación actual do sector conserveiro galego e evitar, na medida do posible, que se produzan episodios similares ao que está sufrindo a factoría grovense.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia